Opinión

Presión autopatronal

O NEGOCIO DO taxi sempre chamou a miña atención. É un sector dominado por autopatróns, un xeito bonito de dicir autónomos, no que existe unha alta regulación. É un dos poucos sectores que precisa de varias licencias para exercer, desde a de tráfico ata a municipal, cuns prezos regulados polo concello e cunha serie de restricións curiosas, como por exemplo traballar uns determinados días da semana, algo que ocorre nas grandes cidades.

Hai uns días, a garda Civil de Tráfico detivo a un taxista, que levaba pasaxeiros, por ir presuntamente drogado durante o servizo. Parece ser que o paisano é reincidente no tema e os seus colegas, na cidade de Santiago, decidiron solicitar a retirada da súa licenza para exercer. O resto dos taxistas cansáronse de unha actitude moi perigosa que xera un dano claro ao sector, sementando dúbidas entre os posibles clientes.

En efecto, cando un se sube a un taxi busca unha comodidade e unha profesionalidade, que pasa por unhas condicións óptimas do condutor. Estou seguro que en Galicia se producen ducias destes casos pero é especialmente importante a actitude da denuncia dos seus compañeiros de profesión.

Os taxistas, igual que os camioneiros autónomos, combinan a súa parte sindicalista coa súa parte de empresarios. Son traballadores, que agás nas cotas da seguridade social, teñen os mesmos problemas que calquera asalariado. Sen embargo, teñen tamén que xestionar a súa pequena empresa, á veces formada por un só vehículo, contra o vento e a marea propia dos máis valentes.

Polo tanto, comprendo e comparto claramente esta postura de denuncia contra un compañeiro. O negocio non pasa polo seu mellor momento e non poden permitirse o luxo de perder reputación por culpa dunha mala praxe. Se o detido fose un traballador, probablemente sería causa de despido procedente e fulminante, pero sendo el autopatrono non queda máis remedio que a denuncia dos seus colegas de profesión.

É, polo tanto, unha boa noticia a preocupación de todo un colectivo polos seus clientes. É máis, deberíase considerar boa práctica porque é un síntoma de garantía da profesión, moito máis alá do interese individual, tan lexítimo como limitado.

Estas actitudes lembran aos sindicatos que loitaron, a sangue, suor e bágoas contra as políticas de Thatcher dos anos 80 no Reino Unido. Daquela, todos os días había enfrontamentos radicais contra a policía pero os sindicatos preocupábanse moito de que os traballadores cumprisen as súas obrigacións coa empresa. Tratábase de evitar calquera escusa fundamentada dun patrón contra os traballadores, que provocase imaxes de vagancia ou maleantes contra o colectivo dos obreiros.

Agora só falta que esta cultura da observación das malas praxes por parte de traballadores imprudentes se traslade a todos os sectores. Sería magnífico acabar cos corporativismos que aínda seguen operando en moitas profesións, ben sexa no ámbito público pero tamén no privado. Se logramos ir superando estas barreiras, avanzaremos claramente cara un novo modelo de relacións laborais que permitirán dar moita máis garantía aos cidadáns e á sociedade en xeral.

Comentarios