viernes. 06.12.2019 |
El tiempo
viernes. 06.12.2019
El tiempo

Presión, control e vítimas

UN DOS cambios máis notables que provocan as novas tecnoloxías da información e da comunicación obsérvase nos procesos de participación social. Xa o vimos no 15M, onde as ferramentas permitiron que se xuntasen miles de persoas descoñecidas entre si en poucos minutos e volvémolo ver en numerosos casos de denuncia.

Hai uns días soubemos dunha actuación, aparentemente violenta, nos que os membros de seguridade dunha compañía aérea sacaban a patadas a un viaxeiro que tiña que abandonar o avión por estar sobrevendido. Fai uns anos, estas cousas, como moito publicábanse na prensa local de turno e cun pouco de sorte montábase un pequeno rebumbio. Agora, sen embargo, calquera destes acontecementos grávase nun vídeo que en poucos segundos xa poden estar vendo varios centos de persoas.

Agora entramos nunha nova dimensión, onde estas ferramentas serven para denunciar pero tamén para reclamar. Este venres publicouse que a compañía United Airlines chegou a un acordo co viaxeiro agredido e que ía revisar os seus protocolos de actuación nos casos de desaloxo e de indemnizacións. Sen dúbida, seguiron o libro do manual de comunicación de crise para converter unha mala noticia en algo máis ou menos positivo.

A dimensión á que chegou esta noticia foi, sen dúbida, a causa desta actuación positiva da compañía de aviación. A masa social, entendida coma un número inmenso de persoas, provocou que unha denuncia local e puntual se converterse en noticia internacional. Sen embargo, esa mesma masa social é a que exerce como un gran irmán que nos controla a todos dun xeito intenso, constante e incluso preocupante. Neste caso que nos ocupa, parece que todo vai razoablemente ben, pero no camiño David Dao, que así se chama o viaxeiro, tivo que ver coma era agredido en todas as televisións do mundo, tivo que ver como moita xente escudriñaba no seu pasado incluso publicándose varias informacións sobre a súa historia e os seus pecados xa redimidos, e tivo que verse na encrucillada de solucionar o seu problema coa compañía baixo a presión de todos os focos do mundo mirando.

As persoas que subiron as imaxes a internet e as divulgaron non tiveron en conta a opinión da vítima e probablemente non pensaron na repercusión de toda esta lea. Probablemente aínda non esteamos o suficientemente preparados para entender que a dimensión íntima do teléfono móbil transfórmase en pública con só pulsar un botón e ese salto, breve no tempo, é importante para os dereitos das persoas. Esa dimensión pública acada cotas de relevancia imposibles nin coa radio, nin coa televisión nin coa prensa o que provoca que un pode chegar a ser visto por miles de persoas simplemente por ser vítima dunha acción totalmente repudiable. Corremos o risco severo de facer sufrir ás vítimas dúas veces, unha polo feito e outra pola publicidade do feito.

Un profesor meu, que logo se converteu en amigo, dábanos un consello nas clases de televisión. Sempre dicía que non emitiramos nada sen facernos antes unha pregunta: se esa persoa que gravaches fose a túa nai, emitiríalo? Bo consello.

Presión, control e vítimas
Comentarios