Opinión

Protesta e obedencia

NON CREO que ninguén botara a conta dos miles de palabras que se levan escritas sobre Trump e o seu discurso desde que é presidente, pero estou seguro que varios centos de miles. Nestes primeiros días de mandato, o presidente dos Estados Unidos non defraudou a ninguén. Nin aos seus votantes, que esperaban unha man dura férrea coma o mesmo Zeus, nin aos seus detratores, que confirmaron as súas sospeitas de que o magnate non ía de farol.

Lembro unha das frases que lle dixo o senador McCain a Obama durante a campaña electoral: "Señor Obama, gáñase con poesía e gobérnase con prosa". En efecto, no momento no que o presidente tomou xuramento, cada declaración e cada actuación deixa de ser unha fanfarronada electoral para converterse en algo moito máis serio. Trump deixou ben claro que vai iniciar unha senda conservadora clara, cun modelo de autoprotecionismo propio de réximes autárquicos e que buscará a fórmula máxica para lograr que os Estados Unidos volvan ser grandes outra vez. Moitos analistas din que as afirmacións do presidente son falaces porque parten de premisas equivocadas, que a pesares de ser repetidas miles de veces, seguen sendo falsas.

Os medios de comunicación neste asunto asumiron un papel curioso. De todos é sabido o grao de responsabilidade da prensa americana, sempre preocupada pola defensa dos valores democráticos, entendidos do xeito que marca a ideoloxía de cada un. Sen embargo, observo nesta ocasión que son varios os xornais, radios e televisións de referencia que iniciaron unha campaña para tentar desacreditar cada unha das afirmacións utilizando as técnicas do vello xornalismo, como son os datos, o contraste, a multiplicade de fontes... Ante este ataque, que o presidente xa bautizou como "oposición oculta", Trump decidiu utilizar a súa canle preferida de comunicación e que tan bos resultados lles está dando, como son as redes sociais. O presidente foi o maior impulsor do twitter institucional, que lonxe de ser unha ferramenta de información, converteuna nun trebello de desafogo onde anuncia, sempre de xeito impulsivo, cada unha das súas ordes.

Xorde pois unha loita ben interesante na información pública. Os xornais, que cargados de argumentos tentan desacreditar ao presidente, e o presidente, que cargado de paixón, tenta desacreditar aos medios de comunicación. Non teño moi claro quen gañará esta guerra. Tampouco teño moi claro cales serán os danos, colaterais e non colaterais, que sufriremos todos por este xeito de goberno a base de mensaxes de liña e media.

Sen embargo, as consecuencias que estamos vendo son contraditorias e dignas de análise. Namentres os cidadáns se manifestan, o presidente mexicano cancela viaxes ou o presidente español se queixa do idioma da páxina web do goberno estadounidense, as bolsas soben, as empresas anuncian plans de relocalización en terreo americano e varias leis progresistas que existían están sendo derogadas. Isto é, protestar protestamos moitos, pero ao final acátanse as ordes sen moito miramento.

Comentarios