Opinión

Que pasou coa "maioría" británica?

ESTOU SEGURO que ningunha parella pensa no divorcio o día do seu casamento. Tamén estou seguro que as rupturas son máis levadeiras cando todos cedemos un pouco pero tamén comprobei que, ás veces, facemos cousas sen valorar o risco de gañar, porque sempre pensamos que imos perder.

A saída do Reino Unido da Unión Europea vai ser algo que nos vai dar tardes de gloria nos vindeiros anos. Pasaremos por etapas nas que os británicos se arrepintan, outras nas que a Unión Europea entrará en crise constante ata que atope solución a problemas importantes que pasan pola súa propia estrutura, e seguramente cheguemos a unha situación na que todos perdamos pero gardaremos certa dignidade.

Sen embargo, hai algún dato da trastenda do referendum que merece a nosa atención. Resulta que a maioría dos votos a favor da saída foron emitidos por persoas que superan os 50 anos, unha poboación moi abundante nese país. Tamén vemos como grandes rexións, por exemplo a que ocupa Escocia, votou maioritariamente a favor de manterse na UE, o que lles dá un argumento moi poderoso para os que defenden a separación do Reino Unido e que perderon un referendum hai pouco por un puñado de votos.

Ademais, resulta interesante ver como nas zonas onde máis inmigrantes chegaron, coma no norte de Londres, o voto a favor da saída da Unión foi contundente, pero naqueles sitios onde hai unha inmigración moi cualificada, coma no centro da City londinense, a cousa foi ao contrario.

Todo isto fai indicar dúas cousas. Primeiro, que quen tomou a decisión foi a vella garda da sociedade británica. Son os que sacaron ao país da posguerra da Segunda Guerra Mundial coa colaboración europea, e son os que apoiaron o goberno máis duro do conservadurismo europeo na época de Tatcher, momento no que nin tan sequera ela optou pola saída da UE aínda que si impuxo unhas normas que sempre fixeron ao Reino Unido diferente. Isto deixa fóra a decisión dos mozos, que votaron por máis dun 75% a favor de quedarse. E non debemos esquecer que os mozos de hoxe son os gobernantes de mañá, polo que se abre unha incerteza importante para os vindeiros anos.

Pero en segundo lugar, debemos aprender que se utilizou este referendum como unha solución idílica para os problemas locais. Os máis animados á saída son os que perciben que a culpa dos seus problemas é dos de fóra. Falamos das comunidades con maior índice de paro e nas que os problemas industriais son alarmantes. Son as que teñen un modelo produtivo menos evolucionado e nas que se segue defendendo que as cousas, se funcionaron hai 30 anos, teñen que funcionar agora.

A lección que debemos aprender é clara. Resulta moi perigoso articular mecanismos aparentemente democráticos para canalizar a ira dos asuntos domésticos. É fácil caer no populismo se montamos un algoritmo que una preocupación, percepción de culpabilidade allea, sentimentos patrióticos esaxerados e incerteza de futuro. O resultado sempre é imprevisible e normalmente acaba cunha vitoria axustadísima do sentido común. Pero ás veces, a fórmula dá como resultado o que a "“maioría"” quere.

Comentarios