martes. 10.12.2019 |
El tiempo
martes. 10.12.2019
El tiempo

As sandalias venceron aos tenis hi-tec

HAI UN PAR de días, un bo amigo e máis eu discutíamos sobre o negocio que se xera ao redor das modas. Centrámonos nas carreiras, que antes chamabamos footing e agora chamamos runnig, e nos miles de euros que se moven en calquera competición de media maratón, maratón, gran maratón ou mesmo adestramentos de maratón. Se un bota as contas da vella observará que en cada competición se moven miles de euros. Debemos contar os prezos de inscrición, as zapatillas que logran que non te canses, os calcetíns que permiten non sei que historias da sudoración, a camiseta térmica que logra taparche o frío e espantarche a calor, .... en definitiva, un paisano que queira ir a unha desas carreiras en condicións debe preparar, como mínimo, unha manchea de euros.

Se ben agora estamos no furor das carreiras, hai poucos anos o tema de moda era o ximnasio, e antes foron as artes marciais, e poderiamos seguir así ata os tempos da guerra. Recoñezo o esforzo de publicidade que fan as grandes marcas para convencernos de que se non fas running vas ser un illado da sociedade. E o certo é que funciona tan ben, que seguramente sexa imposible que vostedes non se atopen ao longo do día con dúas ou tres persoas correndo a tope ao carón da ría ou polas Corbaceiras. Dous ou tres paisanos que se caracterizan por esa camiseta fosforito, eses auriculares deportivos e ese chisme amarrado ao brazo como se fora unha máquina de tomar a tensión.

Onte, despois de resolver o mundo co meu colega, lin unha noticia que me sorprendeu. O titular dicía que unha muller tarahumanra gaña unha gran maratón en México sen ningún tipo de equipamento deportivo. Os Tarahumara son os membros da comunidade indíxena rarámuri que viven no suroeste de México, e que se caracterizan por seguir cun estilo de vida moi próximo ao dos seus antepasados. Seguen vivindo da agricultura e podemos encadralos neses colectivos condenados a estar esquecidos, e incluso odiados, pola sociedade occidental.

Esta muller en cuestión, que se chama María Lorena Ramírez, e que ten 22 anos, correu unha gran maratón, que son 50 quilómetros, coas únicas sandalias que tiña e co seu vestido dos domingos. Non tiña cartos para unhas Nike nin para unhas Adidas. Ela, tivo que desprazarse dous días andando e case un en coche para chegar desde a súa casa ata a cidade onde se celebraba esta gran carreira. María Lorena gañou o primeiro premio, que foron uns 300 euros, pero din as crónicas que o que peor levou foron as fotos e as caras de risa que tiña que poñer como vencedora. Ela foi alí gañar uns cartos correndo polo monte, é dicir, facendo o mesmo que fai todos os días. Ela levaba só o que podía: unha botelliña de auga, unha gorra e unha pañoleta. O resto, sobraba todo.

E tiña razón. para gañar fan falta tres cousas: necesidade, esforzo e concentración. O mesmo que levan facendo os rarámuri desde hai medio milenio sen necesidade nin de marketing, nin de camisetas intelixentes nin de tenis aos que só lles falta falar.

As sandalias venceron aos tenis hi-tec
Comentarios