Opinión

Terrorismo e medo

TODOS OS actos terroristas teñen coma fin último, non tanto matar, senón sementar o pánico e o medo na poboación. Búscase sempre crear a sensación de inseguridade que fai que unha nai ou un pai non se atreva a sacar ao seu bebé á rúa ou que sospeitemos do veciño do lado só porque ten as barbas grandes. Ata o de agora, os terroristas usaban armas e explosivos para provocar este pánico social e iso permitía crear mecanismos de seguimento máis ou menos eficaces. Cando un terrorista conseguía unha arma para facer unha barbaridade, entraba nun circuíto ilegal máis ou menos controlado polas forzas e corpos de seguridade, o que permitía abortar máis dun intento de atentado.

Sen embargo, en Niza a cousa foi diferente. O atentado non foi nin con pistolas nin con explosivos, senón cun camión igual aos millóns de camións que andan polas estradas europeas todos os días. O terror non se conseguiu con disparos, senón cun vehículo de 24 toneladas que arrollou a centos de persoas matando a máis de oitenta que estaban máis concentradas nos fogos de luces e cores que na súa seguridade. E o que fai o tema máis complicado é que o asasino era un condutor profesional co seu camión, algo que dificulta aínda máis levantar sospeitas.

A tétrica imaxinación desta xente complícanos a vida a todos nós. Agora xa non chega con controlar o tráfico de armas, ou os lugares de reunión destes colectivos radicais. Agora faise case necesario entrar nunha dinámica dunha sorte de espionaxe colectiva na que calquera cousa que vexamos ao noso redor pode ser interpretada como intento de atentado. Iso é malo, moi malo, e o peor de todo é que é un paso de xigante no obxectivo do terrorismo: crear o pánico a todas horas e en todas partes.

O magnífico historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández explicaba nas súas clases que en todas as conquistas da Historia, ademais dos mortos no campo de batalla, era moi importante xestionar o medo, tanto dos soldados como da poboación. Unha guerra gánase cando existe tanto medo no inimigo que non ve outra saída que a rendición, independentemente dos tiros que se peguen.

Estes días ímolo pasar moi mal todos. Imos ter temor a ir a calquera evento de masas, xa sexa un espectáculo pirotécnico ou unha romaría. Imos estar preocupados por se o paisano que viste unha túnica ten agochada unha bomba debaixo e imos pasar un verán no que nos preocuparemos máis da nosa seguridade que da nosa tranquilidade e descanso.

Lamentablemente, esta última batalla gañárona os terroristas, pero iso non quere dicir que gañaran a guerra. Todo o contrario. As mostras de sentimento colectivo e de solidariedade aumentan claramente despois de traxedias coma esta. Pero agora o importante, é que todos saibamos estar á altura e comprender que os terroristas, por moito medo que nos metan no corpo, non son máis que un conxunto reducido de persoas que non poden ver máis alá do seu fanatismo.

Comentarios