Opinión

Trainspotting e a arte

UNHA das películas que máis me sorprenderon na miña xuventude foi Trainspotting, do director Daniel Boyle.

A película reflectía unha imaxe da mocidade que ninguén quería ver pero da que todo o mundo falaba e na que mozos e mozas ingleses acababan perdidos no mundo da droga por non ser capaces de xestionar un tempo complexo e difícil.

Lembro perfectamente a historia de Tommy, a personaxe que empeza a película sendo o mozo san e deportista que toda nai quixera ter, pero resulta ser o primeiro morto por sobredose despois de entrar no mundo de perdición por un desengano amoroso. Ese rapaz representaba a calquera de nós, que logrou escapar da mala vida durante uns cantos anos pero que cando cruzou ese río, tampouco soubo saber cales son os límites.


Esta cinta exhibiuse por primeira vez no ano 1996, un momento no que en Galicia estaba entrando na segunda era do consumo de drogas. Xa se estaba acabando a fascinación polos grandes narcos que invadiran as costas galegas, especialmente a das Rías Baixas. Xa sabiamos todos que a droga era mala e non un xeito moderno de pasalo ben, pero aínda non tiñamos moi claro se ese negocio era tan malo como nos estaban a dicir. Eran uns anos de dúbidas, nos que xa non era moi habitual ver a xente pinchándose polas esquinas pero si se comezaban a verse polbos brancos nos baños das discotecas.Un momento duro para pasar a adolescencia no que non confiabamos en nada, nin nos nosos pais nin nos nosos colegas.

É nese contexto, onde Trainspotting aparece como unha ventá cara os nosos sumidoiros. Foi un shock para nós que estabamos a ver cousas moito máis edulcoradas e non tan crueis. Estabamos acostumados a pensar que o drogata da esquina tiña o que se merecía e que era imposible chegar a esa situación sendo unha persoa normal e corrente. Boyle, co seu filme, logrou demostrar que calquera tipo “normal” pode acabar morto simplemente por confiar exclusivamente en si mesmo e non ver o que pasa ao redor.

Esta semana estréase a segunda parte da película na Bernilae. Din as críticas que cambia o contexto e pasa de contar unha historia de xuventude perdida a unha historia do paso do tempo. Probablemente teña máis sentido este novo enfoque agora e non sei se esta segunda versión vai ser tan impactante coma a primeira. En calquera caso, si considero que fai falta unha obra de arte que nos sacuda un pouco e nos faga ver en que leas estamos metidos aínda que non queiramos mirar para elas. Probablemente o gran problema hoxe non sexan as drogas, pero si temos complicación estruturais que nos poden pasar unha importante factura nuns poucos anos.

Confío no talento de Boyle e de todos os que fixeron esta segunda etapa e de novo espero ver algo que marque un antes e un despois no xeito de ver a vida que teño agora mesmo. En definitiva, para iso é a arte.

Comentarios