domingo. 08.12.2019 |
El tiempo
domingo. 08.12.2019
El tiempo

Tranquilidade social

POUCO a pouco a sociedade española está asumindo con certa naturalidade democrática unha serie de cambios profundos que están modificando o panorama político e social do país.

Agora, xa entramos nunha dinámica de posta en crise do bipartidismo onde partidos máis ou menos pequenos asumiron un papel importante. Ben é certo que isto nos costa un esforzo importante, como dúas eleccións xerais consecutivas, pero xa imos asumindo o novo escenario.

O mesmo pasa coas sentenzas xudiciais. Pasamos dunha época de silencio total ante unha sentenza a unha etapa de crítica a todas as actuacións xudiciais, para volver finalmente a un punto medio onde discutimos abertamente actuacións desde unha óptica máis neutra.

Onte soubemos dun veredicto xudicial pioneiro en España. É a primeira vez que se condena a unha persoa tan destacada da Familia Real. Ademais, a condena obedece a un delito fundamentado no fraude, neste caso fiscal e administrativo, para obter un enriquecemento. Non é un delito de asasinato por honra, como se faría no século XIX; senón xustamente o contrario: é unha condena por desonrar ao pobo español.

O caso de Urdangarín supuxo un salto de fronteira moi importante. Supuxo que un fiscal acusase a membros da familia chamada a ser xefa do Estado. Supuxo tamén que un xuíz sentase no xulgado a dúas persoas moi destacadas, como a filla e o xenro do Rei vixente naquela época. E tamén supuxo que comezaramos a saber os negocios que se traían entre mans unha serie de persoas que teñen a obriga de ser especialmente exemplares para o resto da sociedade.

Lembro que cada unha das decisións que se tomaron no proceso provocaron un pequeno shock social. Sen embargo, agora que se sabe o resultado desta primeira parte do proceso, estou seguro que imos asumir todo isto coa normalidade propia dun país máis ou menos maduro democraticamente. Supoño que nos vindeiros días encheranse centos de tertulias e de textos nos xornais e redes sociais, que a Casa Real dirá que ten un respecto escrupuloso coas decisións xudiciais, que o goberno dirá que en España todos os delincuentes reciben o seu castigo, que os partidos de esquerda dirán que hai que acabar con todo isto da monarquía e os partidos de dereitas dirán que unha palla non fai palleiro.

Iso é a normalidade. Que haxa debate, posturas, e liberdade para trasladar as sensacións e as opinións que cada un ten. E iso debe alegrarnos, porque a alternativa sería unha sociedade atemorizada, con medo a falar de grandes temas que, antes ou despois, nos afectan no día a día. Por cousas coma esta pasaron os países que hoxe consideramos máis democráticos e máis avanzados, pero coa fortuna de non ter que iniciar ningunha guerra con ninguén.

Polo tanto, hoxe podemos celebrar que a noticia é a normalidade democrática e a madurez da nosa sociedade e iso sempre é unha boa nova.

Tranquilidade social
Comentarios