Opinión

Un fin de ano histórico

ENTENDAN QUE non cualifico histórico este fin de ano por se excepcional, senón porque reproduce varios momentos históricos do pasado que criamos superados.

Onte soubemos da decisión do presidente Obama para “castigar” a presunta intromisión de Rusia nas eleccións americanas. Tamén soubemos que o presidente Putin dixo que isto non ía quedar así, e que tamén tomaría as súas correspondentes represalias. O mesmo pasou nos temos de Reagan e Chernenko, poucos anos antes da chegada de Gorbachov ao poder, alá polos primeiros dos oitenta.

Tamén soubemos onte que as pensións perderon poder adquisitivo no ano 2016, igual que pasou nos anos 80 cando se iniciou a reconversión naval que supuxo un cambio moi importante na industria española cuns anos de penuria económica graves.

E que dicir ten, que acabamos o ano con varias mulleres mortas a mans das súas parellas, igual que nos últimos anos, o que supón un problema demasiado grave como para esquecernos del aínda que sexa un minuto.

Como ven, neste ano pasaron moitas cousas máis ou menos históricas, como a chegada do populismo aos Estados Unidos, que a pesares de non ser a primeira vez, si facía unhas cantas décadas que non nos pasaba isto. Tamén foi o ano da morte de Fidel e duns cantos artistas que marcaron as tendencias culturais e musicais durante moitos anos. Este foi o ano do goberno en funcións e tamén o ano que inicia un tímido camiño de crecemento económico que pode convertelo no último ano da crise. Foi o ano dos atentados sen bombas, só con camións, que causan o pánico nas principais cidades europeas.

Todo iso sucedeu e todo iso quedará no recordo. Pero sen embargo, se nos paramos un minuto antes de tomar as uvas, darémonos conta que os cambios chegan dun xeito sixiloso e contundente. Unha avaría dunhas poucas horas no operador telefónico R causa un caos importante nos comercios e nos cidadáns galegos. Os nosos nenos xa non piden puzzles, senón reloxos electrónicos que poden gravar vídeo e visualizar fotos. Os bancos víronse obrigados a devolver varios miles de millóns de euros cobrados ilicitamente, nun momento no que os intereses incluso son negativos e, se seguimos a lóxica económica, implicaría que as entidades financeiras terían que pagar aos cidadáns que piden un crédito.

A revolución non chega por nova ou vella política, senón polos cambios sociais e económicos que están mudando os nosos hábitos a unha velocidade cósmica.

Un bo amigo meu ten unha metáfora que resume todo iso. El sempre di que algo raro está pasando cando agora, nas aldeas máis rurais que nos poidamos imaxinar, xa non hai eiras pero si hai xardíns. A modernidade chega para quedarse e aínda que non haxa nada individual especialmente destacable no 2016, asegúrolles que pasará á historia como un dos anos máis importantes na creación da sociedade mundial do século XXI.

Comentarios