sábado. 14.12.2019 |
El tiempo
sábado. 14.12.2019
El tiempo

A vida espiada

CREO QUE o peor que lle pode pasar a un espía e que alguén o espíe e non se decate. Un estado necesariamente debe confiar nos seus servizos secretos e de espionaxe porque, por así dicilo, é o I+D da seguridade nacional de calquera país. O que non está tan claro é que os cidadáns confíen a ollos pechados nunha xente que necesariamente ten que axinxar na vida de cada un de nós para poder protexernos a nós mesmos. Isto que parece unha deses problemas de lóxica que tanto nos entreteñen nos xornais, é realmente un mal necesario para vivir en convivencia.

Alguén debe saber moito máis do que debera da miña vida para que o meu veciño certifique que son un tipo de fiar e que pode ir tranquilo pola rúa coas súas nenas pequenas. É máis, no momento no que esta espionaxe falla é cando reclamamos más Policía e máis seguridade para que as traxedias e os crimes non ocorran. Parto, polo tanto, da nobreza que teñen que ter os espías e os seus xefes coa democracia e coa sociedade. Necesariamente temos que confiar na súa profesionalidade e no seu bo traballo para que poidamos ter un mínimo de sensación de seguridade á que poidamos aferrarnos. Outra cousa é que de vez en cando levemos un susto.

Cando Wikileaks decide contarlle ao mundo que cousas están facendo en secreto os gobernos, non pretende desbaratar complexas operacións militares contra terroristas internacionais, senón explicarnos e demostrarnos que todos estamos sendo controlados por ese “Gran hermano” global. Assange está pagando coa reclusión, máis ou menos simbólica na en embaixada de Ecuador en Londres, o seu atrevemento de publicar miles de documentos orixinais, sen tratar nin analizar, para que os medios de comunicación de medio mundo se encarguen de interpretar o que está pasando.

Descubrimos así que os servizos secretos americanos controlan aos grandes líderes mundiais a través de trebellos tan domésticos coma a televisión, e que hai miles de datos que nós aportamos cada día sen consciencia e que lle dan unha importante e precisa información sobre cada un de nós. É bo que de vez en cando saibamos onde están as fronteiras da intimidade e como se traspasan dun xeito asombrosamente sinxelo.

É bo que recordemos que cada foto que publicamos no noso Facebook, que cada mensaxe que poñamos no nosos Twitter, que cada correo electrónico que mandamos por Gmail ou similar, ou que cada busca que facemos no Google, está deixando un rastro de información que alguén está xestionando e analizando.

Hai unhas décadas, os espías eran señores e señoras con sombreiro e gabardina que se enterraban nas barras dos bares para descubrir os plans secretos dunha banda de malos. Xa na Segunda Guerra Mundial, os espías tradicionais foron complementados con expertos matemáticos e informáticos que descubriron como derrotar aos nazis, pero agora, a cousa cambiou radicalmente. Agora, os espías son todos os trebellos que temos conectados a Internet e cómpre que sempre teñamos consciencia de que temos que compatibilizar a nosa vida conectada coa nosa vida espiada.

A vida espiada
Comentarios