Opinión

21 de marzo, versos contra a fealdade

HAI UNHA colleita de fealdade tan grande na aldea global que imos necesitar moitos 21 de marzo. Para que cada inicio da primavera, do verán, outono e inverno, e de cada día do ano agromen versos que axuden a vivir e limpen a fealdade cotiá.

Aproveitando o abrente da estación onde a vida rebenta as costuras da terra, celebramos o Día Mundial da Poesía. Os versos non son pasatempos banais. Poetisas e poetas tan necesarios: ven máis lonxe, máis fondo e arrincan arañeiras dos ollos. "Poesía necesaria como o pan de cada día", reivindica Gabriel Celaya, tan rico en versos, tan desnudo en todo o demais.

Como sobrevivir a tanta fealdade sen o poderoso alento dos versos e das cancións? Como revolverse contra a cobiza de kilovatios e combustibles que rouban luz e calor das familias? Como loitar contra a depredación do planeta se as fermosas, certeiras palabras non obrigan a abrir dolorosamente os ollos? Poesía para os pobres, para os prescindibles. Poesía estes días para os exilados da guerra absurda en Ucraína: mulleres cargando cos velliños, nenos e bágoas camiño de ningures. Poesía para denunciar aos canallas que cargan tanta dor no lombo da xente expulsándoa da terra. Arrincándoa da familia co expolio e o roubo que din guerra. "Assís' parten unos d'otros / commo la uña de la carne", láiase o xograr de Mío Cid. Así, os señores da guerra arrincan á xente de pobos e fogares. Ningún cantar de xesta, ningún poema épico debera cantar a heroes de ferro, donos do terror e da barbarie.

Andan agora os paxariños de Deus coas súas vodas. Constrúen a casiña sen medo a hipotecas. A despensa da terra alimenta árbores e prantas. Ao final, a primavera éche un democrático xardín aberto a todos, un supermercado de beleza gratuíta. Onde a vida chega, medra e se multiplica deixando unha herdanza social máis aló das poutas de oligarcas cleptócratas que amorean riquezas arrincándoas da boca do outro. Ben dicía aquel sabio Xerónimo no s.IV: "Toda riqueza excesiva provén necesariamente dun roubo".

A beleza da primavera, da música, poesía sonora, a beleza dos versos pertence a todas as peles, a todos os ollos. Por máis que na pandemia interminable o virus afastounos da pel dos outros. Ou que criminais de guerra arrinquen a pel de Ucraína na estación que abre as portas á beleza e invita a comuñón da pel coa natureza. Versos cada día a flor de pel, o máis profundo que hai nos seres humanos, di Paul Valéry. Nada pode ser máis verdade cando os corpos esfólanse de roupa vestindo as cores do ar, da suor, do sol que agasalla sombras e tanta luz.

Cómpre loitar pola esperanza. Reivindicar a música, a poesía cargada de futuro. Unha canción, un poema interminable. Que invite a degustar cada día unha ración de versos contra a fealdade.

Comentarios