Opinión

A desigualdade mata

Medra nas sociedades rotas. Deteriórase a vida comunitaria e aparecen condutas antisociais, froito amargo do aumento da desigualdade. Nos países ricos, como o noso, as patoloxías asociadas á pobreza disminúen. Desaparecen as enfermidades de pobres e medran as enfermidades da prosperidade. A desigualdade é así de inxusta: as enfermidades da pobreza matan aos nenos, as da riqueza aos vellos. A pobreza convértese nun estatus social. A mala saúde e a violencia están máis presentes nas sociedades desiguais. Tamén as enfermidades propiciadas polo alcohol e as drogas, obesidade infantil, nais adolescentes, homicidios entre xente nova, taxa de poboación reclusa.

Nas sociedades rotas coa economía rota, medran as desigualdades. Pola contra, un maior grao de equidade mellora o progreso social. Reducindo os índices da desigualdade aumenta o benestar e a calidade de vida. Ademais, a desigualdade éche poderosa ferramenta de corrosión social. Reforza o desprezo ao outro, inmigrantes, aos que teñen menos. Aparecen formas de discriminación como sexismo e racismo mentres que a empatía resérvase para os nosos. Afóndase a fenda entre os mundos pobres e o mundo rico.

A desigualdade que mata éche fonte de división e obstáculo para a solidariedade e a fraternidade universal. Así, os nacionalismos identitarios son unha aposta pola desigualdade e unha fenda entre os pobos. Comunidade e igualdade refórzanse mutuamente. Igualdade económica e cohesión social foron da man ata as dúas últimas décadas do século XX. Despois medrou a desigualdade, e con ela o individualismo máis cego, a ansiedade e os medos refuxiados en sistemas de seguridade privados e urbanizacións vixiadas.

Empregos precarios e mal pagados asócianse a un maior risco de enfermidades coronarias, depresións, suicidios. Co sedentarismo e dieta rica en graxa hai maior tendencia á obesidade, hipertensión, a facer menos deporte. Mentres sociedades máis igualitarias gozan de mellor saúde, a carón da desigualdade que mata a vida é mais curta e brutal. Condena a menor esperanza de vida, altas taxas de mortalidade infantil, menos peso ao nacer e saúde precaria. A menos renta, máis obesidade, pandemia no mundo desenvolvido, coas enfermidades asociadas e notable reducción do benestar emocional e social.

Os políticos enchen a boca falando de educación polo que ten de paraugas que acubilla e igualdade de oportunidades. Pero semellan ignorar que o rendemento educativo relaciónase coa desigualdade de renda. Conflitos, violencia doméstica, enfermidade dos pais, falta de atención e recursos e alimentación inadecuada graban a lume o futuro dos fillos.

De conveniente lectura para algúns políticos despistados, velaquí estas notas apresuradas do libro de G. Therborn La desigualdad mata.

Comentarios