Opinión

Afganistán: pobreza sen escolas

AS NENAS diante, nenos detrás. Na foto, a escola móbil. Un descampado de terra nas aforas de Spin Boldak, en Kandajar. A escola chega a lugares remotos nun motocarro cunha caseta azul alimentada por placas solares. Ao carón, o mestre fala ás alumnas, aos rapaces. Porque outro severo atraso do país éche a falta de educación escolar. De 13 millóns de menores, só catro están escolarizados. A pobreza ten cores femininas: talibáns fanatizados impiden ás mulleres estudar máis aló da primaria. 

Aquí andamos preocupados pola falta de nenos, tanto que poderían seren declarados especie protexida. Os expertos discuten baixar a ratio nas aulas sen cortar a urdida da socialización. Na aula móbil de Spin Boldak no preocupa ese problema. O mestre, moi novo, explica que a situación en Afganistán só cambiará educando aos máis novos. Velaquí a escola sobre rodas. Nun lado unha pantalla electrónica, noutro a biblioteca. Son armas de cultura máis poderosas que os kalashnikov de talibáns covardes e lacazáns aterrorizando ás mulleres. ‘A educación pertence ao pobo’ di o fundador das escoliñas. Con asignaturas pendentes como a prohibición do emirato islámico, única no mundo, para impedir que as rapazas estuden secundaria.

Só o fanatismo duns poucos e o atávico conservadurismo da sociedade prescinde da metade do cerebro afgá, as mulleres. Condenando ao país á pobreza e a un incerto futuro. Fóra de Afganistán, 11 presidentas de goberno esixiron respecto polas mulleres. Homes e mulleres son iguais e os seus dereitos son inalienables. Alí onde poden, cheas de medo e valentía as mulleres saen á rua para defender o dereito á educación, á atención médica, ao traballo e aos cargos públicos: un tempo de mulleres contra un presente de bárbaros. Ou crean escolas clandestinas para rapazas adolescentes en patios interiores das casas. Así, moitas profesoras afgás desafían a ditadura de clérigos fundamentalistas: educación feminina contra barbarie talibán.

O odio á educación da muller multiplica os incidentes: bandas de fanáticos queiman as escolas. E cortan o camiño para a cultura, a paz e os dereitos humanos. Nas 39 escolas móbiles clandestinas hai 139 profesores e 5.000 alumnos. Tentan mobilizar ás familias para escolarizar ás nenas. Convencidos de que ningún país pode voar sen ás femininas.

A Unicef sinala que Afganistán ten 41,7 millóns/h. o 97% na pobreza. Non hai que ser moi listo para saber quen é ese 3% que vive ben. Como dato aterrador, o 23% das rapazas son casadas antes da maioría de idade. Na escola de Spin Boldak os pupitres son esteras no chan. A fondo, o pobo, con mulleres invisibles.

"Das nosas feridas brotará un xardín!", enfatiza o mestre, e repiten nenas e nenos. Convencidos de que só a escola derrotará á pobreza.

Comentarios