Opinión

Álbum de inmigrantes afogados

VENDE MOITO o xornalismo de bágoas, pais arrolando a dor, barcos con mercadoría humana. Tantas fotos de nenos afogados.

É bo petar nos adentros e ver seres humanos rotos. Ata que a inflación de imaxes, a saturación de primeiros planos, vacina as conciencias.

Oxalá o mellor periodismo investigue as raíces do mal colocando en portada aos que ceban guerras, alimentan odios, dogmas, ás mafias que trafican con seres humanos, as mentiras de políticos que causaron centos de miles de mortos, millóns de desprazados.

Xa tivemos abondosa colleita de bágoas, rostros da desesperación nos valados. Queremos primeiros planos de traficantes de armas con euros manchados de sangue en paraísos fiscais. Faltan as fotos dos culpables. Que paguen polo que fixeron.

Quen financia a economía negreira de transporte de refuxiados que move miles de millóns de euros? Quen quia beneficio deste proxecto planificado?


Queremos periodistas que expliquen a estraña guerra das superpotencias contra a banda relixiosa fanatizada que controla unha pequena extensión desértica. Fotos efectistas de refuxiados non poden ocultar que Arabia Saudí, aliado USA, apoia a loita de Isis contra os chiitas. E que a UE da miles de millóns a Turquía para que frene a inmigración cando é culpable da súa expansión en Siria.

Que investiguen quen está detrás de estados fracasados como Libia, Siria, Irak, Somalía, Eritrea, países do Magreb que apenas poden pagar exército e policía. Coltán, diamantes, cobre, cobalto, ouro do Congo están en mans de señores da guerra. O xigantesco mar de petróleo de Nigeria non é capaz de deter ondadas de prostitutas cara a Europa. A caridade puntual cos refuxiados non oculta que as grandes potencias permiten a situación invivible que obriga a abandonar os seus países. Toda unha infamia ao servizo do capitalismo global e o colonialismo económico, inesgotable manancial de refuxiados.

Que se investiguen as mentiras de políticos en USA, Inglaterra, España que con ardor guerreiro e cobiza económica destruíron Irak e Libia, e apoiaron a radicais islámicos en Siria. Guerras, agora o sabemos, baseadas en mentiras.

Que esculquen a economía negreira de transporte de refuxiados que move miles de millóns de euros. Quen a financia? Quen quita beneficios deste proxecto planificado? Por qué os riquísimos Arabia, Kuwait, Emiratos, Qatar próximos xeográfica e culturalmente non acollen refuxiados pero teñen millóns de traballadores en condicións de semiescravitude?

Fotos de nenos rotos. Bágoas de pais. Desesperación de nais nas portadas. Tantas que acaban dicindo nada. Os poucos que pasan son carne de canón doutras mafias. Man de obra precaria loita polo escaso traballo empuxando a traballadores locais aos brazos de demagogos, partidos xenófobos, populismos antiinmigración.

Mentres faltan as fotos, de fronte e de perfil, dos culpables deste álbum de inmigrantes afogados.

Comentarios