Opinión

O ano da peste e dos extremismos

TANTOS MESES de desolación e pandemia foron bo pretexto para reler 'La peste', a poderosa novela de Albert Camus. Aos medos da perda, da enfermidade e da morte engadíronse outros, o da brutalidade dos extremismos emerxentes. Agochados ás veces en democracias iliberais, arquitecturas con institucións democráticas e ningún respecto aos dereitos do individuo e das minorías.

A chegada ao poder no xigante norteamericano daquel Trump debilitou as democracias, e inchou as velas de líderes atrabiliarios iliberais. Así Bolsonaro, Erdogan, Modi, Orban. Así partidos de ultradereita conquistando en Europa máis espazo nos medios, nas cloacas das redes, nos electorados.

Os críticos din que en 'La peste', as ratas representan o fascismo. Metáfora acertada do nacemento no medio da incredulidade, e logo expansión expoñencial do racismo, violencia, machismo, xenofobia. Outros pensadores como Simone de Beauvoir alertan sobre o perigo de representar a violencia e a brutalidade dos fascismos cun animal ou cun virus. Minimízase así un movemento social letal para a democracia.

O esperpéntico final da era Trump acabou provocando unha estampida de búfalos humanos contra o Capitolio. En Bruselas botan as mans á cabeza coas leis do húngaro Orban tentando invisibilizar aos homosexuais. Chegan noticias da irracional política de Bolsonaro para enfrontar o coronavirus: centos de miles de mortos, millóns de contaxiados entre os desfavorecidos son testemuña do desprezo aos dereitos humanos.

A metáfora achega os nazis ás ratas. Pero Hitler foi quen de enganar ao pobo máis culto de Europa. Non, os nazis non eran ratas nin virus. Eran homes e mulleres cultivados. Escoitaban música clásica e cantaban o 'Stille nacht' cos nenos polo Nadal. Tiñan o cerebro moi grande e o corazón diminuto. O fascismo foi un produto humano.

A xenial alegoría de Camus segue viva e moi actual. Os fascismos son praga que se pode previr cando as primeiras "ratas" saen das cloacas e empezan a invadir casas dos humanos. A prevención é máis barata e eficaz. Pero se os soños dos fascismos crean monstros e conquistan espazos mediáticos e sociais, a curación será máis lenta e infinitamente máis custosa.

A Humanidade ten soportado ao longo da historia infinitas pestes. Cebáronse nos máis febles. As últimas pestes políticas do s.XX son os fascismos que denunciaba Camus e o comunismo estalinista que defendían Sartre e Beauvoir. Pestes desapiadadas no corazón e na liña de flotación das democracias.

Ninguén será libre mentres haxa pragas. Ningunha democracia estará a salvo mentres as ratas dos fascismos, mentres os populismos e os extremismos entren nas casas dos humanos e das democracias. Porque acabarán envelenando as mentes co coronavirus máis letal e contaxioso: o do odio.

Comentarios