Opinión

¡Árbores do mundo, unídevos!

Quen escribirá o Manifesto que dea un pouco de esperanza ás árbores? Árbores asoballadas polo clima, asasinadas polo lume humano. Árbores, as mellores veciñas do planeta.

¿Será quizáis a revolucionaria mazaira que expulsou e recobrou o paraíso? ¿Ou esas secuoias que deambulan polos séculos, ameazadas agora polas secas californianas? Ben podería asinar o Manifesto o noso carballo, quercus robur. Ou o castiñeiro, árbore nutricia. Calquera árbore.

"O día que saibamos o que val un albre..." laiábase Castelao diante da desoladora visión de montes espidos, ladeiras queimadas, desadornadas de árbores. Daquela concibía a economía galega ao redor  da árbore, o peixe, a vaca. Agora engádense outras fontes de riqueza pero os alicerces son os mesmos, a terra. E as paisaxes, riqueza social e democrática. Herdanza ecolóxica que precisa das árbores que agasallan auga, ar limpo, beleza gratuíta. Árbores que quentan e regalan o froito. Berce e cadaleito, casa da bicharada miúda, de tanta veciñanza alada.

¿Quen escribirá as liñas de indignación, de esperanza para que agromen da cinza as árbores queimadas? Valado verde contra o cambio climático perpetrado polos humanos e que afecta a todas as especies vivas.

Nun dos peores anos que se recordan e cando aínda faltan días duros, en España queimáronse 286.000 hectáreas. Na Galicia mártir do lume asasino, arderon 7.000. Datos de 2019 sinalan que no mundo fóronse en fume e lume 5,5 millóns. Velaquí ao animal humano destruíndo con entusiasmo suicida a propia casa, nun exercicio de autoodio contra a vida. Como Bolsonaro, vergonza da Humanidade, talando un dos pulmóns do planeta, a Amazonía, convertíndoa en campos de soia para o gando.

Nas neuronas da cobiza non colle que as árbores son máis que cartos e madeira. Son bosque que hai que coidar. Casa de infinitas especies veciñas. Ecosistemas que terman da vida. Souto e bosque de ribeira, carballeira, arbustos e ‘maleza’ necesaria. Poderosos surtidores de auga, sombra, ar perfumado. Termando dun tesouro insubstituíble: a terra nutricia. Son tanto que humanizan a cidade deshumanizada: forno de calor onde os coches copan o 75% do espazo público.

O tempo lento das árbores éche unha sabia estratexia para adaptarse aos cambios cada ano máis inclementes. Son fortes contra enfermidades, insectos, fungos, secas e enchentes se lles damos unha oportunidade. Pero indefensas contra motoserras, pirómanos, bobos despistados, asasinos conscientes, contra os negocios  do lume.

Ao fin, estámolo a ver, non hai distancia máis dramática que entre unha árbore viva e verde e as súas cinzas negras e fumegantes. Benditas árbores, xigantes xenerosas que dan todo a cambio de pouco. Tan pouco que non precisan de Manifestos benintencionados.

Comentarios