Opinión

As bágoas da Pachamama

A NAI terra dos incas. A deusa da fertilidade en tantas cosmogonías, presente na esperanzada sementeira, nos días felices da colleita. Encargada de termar do fáxil tecido da vida. Ventre fértil que coida de todos, mesmo dos que toman máis do que necesitan.

Bágoas de suor ás portas do verán, onde a ondada de calor auguraba a traxedia infinita do lume na España Baldeirada, agora Calcinada. Na Serra da Culebra en Zamora, nunha Autonomía que recortou medios humanos e materiais para se onfrontar ao monstro do lume que vén de devorar 30.000 ha. de árbores e matorrais. Chora a Pachamama, a nai terra polos lumes en Zamora, Navarra, máis de 200 devorando bosques en Cataluña.

As bágoas de rabia e indignación son efémeras pero as cicatrices na terra negra e núa durarán décadas. Velaquí ao estraño sapiens humano estragando, roubando, queimando o máis fermoso da casa, as árbores, as democráticas paisaxes, a infinita riqueza da terra.

No Brasil do populista Bolsonaro, peón necesario dos depredadores da Amazonía, monocultivadores de soia para producir carne, madereiros que estragan con motoserras ecosistemas fráxiles, veñen de asasinar ao indixenista Bruno Pereira e ao xornalista Dom Phillips. A terra da Pachamama, América Latina, éche un lugar letal para activistas e defensores da natureza. Os intereses económicos son máis poderosos que a palabra e a acción mobilizadora dos activistas. Global Witness ten actualizada a lista dos asasinados por defender a terra. Como o líder asháninka Edwin Chota, en loita cos madereiros ilegais que arrasan a selva peruana. En 2016, anotamos o asasinato da hondureña Berta Cáceres, asomada tamén a esta columna, por opoñerse a un encoro que expulsaba ao seu pobo.

Bágoas da Pachamama polo asasinato en 2020 de 227 defensores da terra en diversas partes do planeta, deles o 70% en América Latina. Como o rapaz indíxena David Cucuñame, no embigo da violencia e o narco do Cauca, mal lugar para loitar pola terra. En Nicaragua foron asasinados 12 activistas por colonos que expulsan a indíxenas para criar gando e producir aceite de palma. A canción de Maná recordará sempre ao brasileiro Chico Mendes, sindicalista e recolector de caucho, un dos primeiros mártires en defensa da terra.

Bágoas da Pachamama diante dos que aquí e acolá se poñen do lado dos depredadores e perseguen aos indíxenas sempre máis febles que as multinacionais da madeira, da carne, do auga e dos minerais. E debilitan os organismos de protección medioambiental.

Estes días finais da primavera, na Serra da Culebra zamorana, os dispositivos de loita contra o pavoroso incendio non teñen auga abonda para apagar o lume. A serra verde da vida éche agora unha fenda xigante e negra. A Pachamanma só lle quedan as bágoas da chuvia.

Comentarios