Miércoles. 26.06.2019 |
El tiempo
Miércoles. 26.06.2019
El tiempo

A bicharía vive nos contos

QUE O ecólogo Sánchez Bayo, universidade de Sidney, fale da apocalipse dos insectos é rechamante. Que afirme que en tres décadas perdemos o 80% deles, resulta alarmante. Catastrófico, di. Cruzando datos de diversos estudos calcula que ao ritmo actual, os insectos terán desaparecido en cen anos. Aínda que, sen o virus humano, o planeta seguirá xirando.

Entre as causas do colapso anota a perda de hábitats, a contaminación química, e o sospeitoso habitual: cambio climático. Pero o máis letal é o acelerado deterioro dos hábitats pola agricultura industrial baseada na soupa química, urbanización salvaxe e deforestación de bosques autóctonos. Remexendo fertilizantes, pesticidas, herbicidas, ao fin biocidas, está a man humana que esteriliza o chan, envelena as plantas, contamina a auga.

Nós necesitamos aos insectos, advirten os entomólogos, eles a nosoutros non. Por cousiñas relevantes: son os grandes polinizadores e dispersadores de sementes, manteñen a fertilidade do chan, controlan biolóxicamente a outras especies de plantas e animais, serven de alimento a moitas especies. Son a máis poderosa e eficiente máquina de reciclaxe e o primeiro plato na xigantesca paparota da natureza. Ou como din eles, están na base da cadea trófica.

Éche curioso que unha soa especie, homo sapiens, teña tanto poder sobre 5,5 millóns de especies de insectos e outro millón e medio de artrópodos. Pola contra, só hai 5.400 especies de mamíferos. O poder de destrución e de creación do humano sabio é tan grande que abriu unha nova era, o Antropoceno, ou a nosa excesiva influencia sobre o planeta.

A bicharada miúda non copa portadas reservadas a pumas, baleas, pandas, elefantes. Bolboretas, vagalumes, escarabellos, abellas, libélulas, imprescindibles para soster as columnas da vida, son invisibles. A urxencia mediática leva a protexer aos grandes mamíferos ameazados. A protección da bicharada miúda é máis lenta que o ritmo do seu declive. Velaquí o que temos: os insectos son o maior grupo de especies de seres vivos no planeta. A súa desaparición bate récords xamais rexistrados: multiplica por oito a dos mamíferos, aves e reptís. Os sete mil catrocentos millóns de seres humanos somos insignificantes a escala de biomasa planetaria.

Que facer? O de sempre, presionar aos gobernos: menos carne, menos coches e avións, máis eficiencia enerxética, enerxías limpas, respecto pola ecoloxía, convivencia harmoniosa cos outros veciños vivos. Sen insectos, o sapiens está desnudo: non poderá sobrevivir. A frase do biólogo R. May: "Todas as especies (animais) son insectos" éche unha ocurrencia para salientar a importancia da bicharada miúda.

Case sete millóns de especies poden acabar vivindo só nos contos infantís. Daquela, non quedará ninguén para lelos.

A bicharía vive nos contos
Comentarios