Opinión

Breve historia da nosa casa

OS CIMENTOS teñen 4.500 millóns de anos. A nosa especie, uns 300.000 anos. Vivimos sobre a terra e dela sacamos auga e alimentos, ar para respirar, recursos que necesitamos. Somos especie fráxil pero teimuda nunha casa en inestable equilibrio. O clima, furacáns, volcáns e movementos da terra ameazan. Os cataclismos son chamativos e perigosos. Na súa longa andaina a Terra foi un lugar pouco hospitalario, pero aquí seguimos. A historia humana abrangue uns centos miles de anos, uns poucos millóns desde os primeiros homínidos. E fai evidente que o noso presente, neste s.XXI éche efémero, fráxil, azaroso e moi valioso.

Os titulares dos medios venden mellor as malas noticias. Incendios na xigantesca taiga, en Canadá, na Amazonía pulmón do planeta. Ondadas de calor xamais rexistradas en Alaska ou no Ártico, mundos fríos que atemperan o clima global. Cada ano sorprenden tempadas máis activas de furacáns no Caribe ou danzando anárquicamente no Atlántico, tifóns no Pacífico. Megalópolis como Cidade do Cabo ou Sào Paulo, a piques de quedar sen auga, sangue da vida. Tantas noticias inmunizan a capacidade de asombro. Desde o lado temperado do mapa preguntamos: ¿será verdade? Mentres babecos negacionistas berran: ¡É mentira!

Noticias recentes falan da disminución nun 50% das aves en Europa, algunhas emblemáticas como gorrións e andoriñas. Na mesma proporción minguan bolboretas, abellas, insectos, primeiro prato da vida. Os datos da SEO BirdLife mostran que algo estamos a facer mal, que camiñamos a pasos xigantes cara á Sexta Extinción das especies. Pregúntanse os científicos e obrigan a preguntar ¿Estamos tolos? A resposta é que a única especie humana que pervive é responsable do que está a pasar no único planeta que alberga vida. Ligada ao Antropoceno ou da nosa excesiva influencia sobre os ecosistemas que terman da vida

Somos nós, os que vivimos nos países ricos os que temos convertido a delgada capa da atmósfera nunha soupa de gases tóxicos. Con efecto invernadoiro, quentan o planeta e aumentan cada ano a magnitude e frecuencia das ondadas de calor como a que soportamos na primavera. Somos nós os que poñemos en perigo os ecosistemas cunha sobreexplotación dos recursos levando a especies necesarias ao bordo da extención.

A sementeira de malas noticias adurmiña. Non preocupan os cambios a escala planetaria. Ou que haxa pequenos países no Pacífico afundindo no mar. Ou que estemos creando un planeta difícil para a vida dos netos. 

Catro mil quiñentos millóns de anos non son un punto final. A Terra, que seguirá xirando connosco ou sen nós, demanda angustiosamente un urxente acto de comprensión. E de amor. Ao final só conservaremos o que amamos e comprendemos. Para seguir tecendo a historia da Terra, a nosa historia.

Comentarios