jueves. 22.08.2019 |
El tiempo
jueves. 22.08.2019
El tiempo

Café amargo

VELAQUÍ un motor que move o mundo. Que nos esperta cada mañá. Que obriga a pensar, traballar, moverse. Doce ou amargo. Só ou con leite. De pota, de cafeteira. Ou esa cousa carísima e encapsulada: comodidade a prezo de ouro que, como as píldoras contra a sede en O Principiño, rompe a maxia e deteriora o rito do café inundando co arrecendo a casa enteira. O tempo que aforraban as píldoras contra a sede, está mellor empregado camiñando paseniñamente cara a unha fonte. Ou sentados ao redor dunha mesa.

As feas noticias dos cartos din que a cotización dun dos xigantes que trituran o gran amargo, Starbucks, 89,30 dólares acción, é o dobre que hai un ano. Velaquí quen se enriquece coa bebida universal. Porque o desplome do prezo da materia prima enche de amargura aos pequenos produtores de Centroamérica coa cotización máis baixa desde hai tres anos. 

A cafeína que nos mantén espertos vai cada día máis cara. Pero o que lles quita o sono aos labregos do café é a depreciación que sofren á man dos xigantes. Cómo é posible que cunha demanda crecente os prezos sexan minguantes? Misterios que non son misterios nunha economía salvaxe.

Medran as cafeterías para gourments exquisitos. Nas estanterías dos híper hai unha inmensa variedade de chintófanos de alta tecnoloxía para as cápsulas. Pero os pequenos cafetaleiros apenas poden sobrevivir. 

Pasa co cacao, outra bebida maldita para os produtores e maná excesivo para intermediarios e multinacionais chocolateiras. Países de África Occidental son condenados á maldición deste pracer exquisito. Para os que poden pagalo, pero que condena a Nixeria, Ghana, Camerún ou ao principal produtor de cacao, Costa de Marfil, onde os emblemáticos elefantes do país só subsisten na bandeira. E onde a miseria empuxa aos habitantes a un azaroso éxodo cara a Europa.

Pasa co café. Países centroamericanos, cultivadores deste gran amargo imprescindible que nos move, observan como o seu produto multiplícase por oito nas cafeterías Starbucks. Só unhas faragullas desa inmensa riqueza chegan aos seus petos. Non extraña, pois, que fartos de traballo, violencia e pobreza decidan abandonar todo e fuxir cara á terra prometida do norte. Alí, os donos do mundo, do café, do cacao e dos cartos, protexen con muros públicos paraísos privados. Degustan en cápsulas un café de plástico e deixan a amargura aos que cultivan a terra. O Cinturón do Café, franxa entre os trópicos de Cáncer e de Capricornio, concentra a produción. Alí, quen o pasa peor son os países centroamericanos onde a maioría dos cafetales son pequenas fincas familiares. E onde a crise e o abuso dos xigantes expulsa aos cultivadores. O sistema impón man de obra barata para un produto, taza a taza, cápsula a cápsula moi caro. Ou moi barato.

Café amargo