Opinión

A carauta democrática do populismo

NON, NON todos os que critican ás élites son populistas. Vixiar ao poder tamén é compromiso democrático. Pero a sombra do Brexit e o tsunami Trump si son populistas. Porque monopolizan a representación da xente real, cidadanía de ben, patriotas, maioría silenciosa, din.

No Brexit trampulleiro, só os que votaron saída representan ao pobo británico. No ballarete de Trump os que están con el pertencen ao verdadeiro pobo americano. Os outros son excluídos, alcumados con epítetos grosos.

Nese discurso en branco e negro, enfronte están os inimigos, tipos deshonestos e corruptos que miran polo seu. Sistema, a casta, multinacionais, establishment.

Velaí o cerne do populismo: o antipluralismo, a negación da alternancia no poder. Ao final, pasou aquí no bando ultranacionalista catalán ou no da ultradereita española. Políticas perigosas, identitarias, excluíntes. Populistas. Porque sendo unha parte parasitan a representación total do pobo. Os seus muecines desde o poder e os medios pontifican: Nós, o pobo americano. Nós, o pobo español. Nós o pobo húngaro. Nós, o pobo catalán. Ese Nós abrangue o 100%. É o que J-W. Müller chama "monopolio moral da representación".

Para o populismo importan as tripas e non cerebro, os sentimentos máis que os números. Pero na democracia o relevante é o cerebro que resolve problemas da xente. E os números que contan os votos. Cando chega ao poder, o populismo ameaza a democracia. Constrúe rexímenes desexeñados para perpetuarse. Ao fin, os programas antipluralistas de líderes fortes conducen ao autoritarismo: Orbán, Modi, Maduro, Bolsonaro, Erdogan. Os casos de Polonia ou Hungría son paradigmáticos de políticas que colonizan o poder ocupando resortes do Estado, como o xudicial ou os medios. Creando redes clientelares: o pobo real fronte a malos cidadáns, corruptos, activistas a soldo. Cando non narcotraficantes, violadores, ladróns.

Os populismos xamais melloran nada: empeoran e dañan a democracia cando chegan ao poder coa axuda dunha pretendida pureza política, étnica ou relixiosa. Aproveitan problemas económicos e o medo, a guerra de culturas, o sentimento de agravio. En contra da democracia sosteñen que só hai unha solución doada para cada problema. Esquecen que en democracia sempre hai opcións onde elexir.

Como non se pode ignorar aos votantes, a exclusión dos populistas non é boa estratexia. Tampouco atemorizarse. Nin copiar as súas políticas. As solucións eficaces son máis lentas: enfrontarse ao populismo con mellores argumentos. Porque as ideas democráticas son máis fortes que as populistas. Nesa pedagoxía teñen que empeñarse políticos, intelectuais, xente do común. Para arrebatarlles a idea de que só eles teñen o monopolio moral da representación.

Comentarios