Opinión

Cariátides e Atlantes cotiás

O MITO grego mostra a Atlas ou Atlante, o portador, un Titán condenado por Zeus a cargar o ceo sobre o lombo. Fillo de Jápeto e da ninfa Clímene. Atlante, o que soporta o peso do ceo. Os nosos Atlantes terman do peso da terra. Traballan arreo. Coidaron de nós cando o medo e a morte cabalgaban no lombo dun coronavirus. Aplaudidos nos tempos duros da pandemia. Que aínda castiga onde as vacinas non son negocio contra un virus que sabe a quen ataca. Atlantes sanitarios. Atlantes camioneiros.

Atlantes nos supermercados. Policías termando da nosa seguridade. O noso Fernando Simón. Soportando o peso da pandemia. En primeira liña. Mais pasou o día e pasou a romaría. A néboa do tempo borra gratitudes e traballos. E difumina recoñecementos morais e económicos. Atlantes invisibilizados seguen a ser máis necesarios que muecines mediáticos e pandémicos tertulianos, que a selección de fútbol, que a feira barballeira dos hemiciclos, que as patrias dos ricos. Cousiñas cativas na casa común do planeta.

E as Cariátides. Outra vez a mitoloxía lévanos á luminosa Grecia. Á festa na honra de Artemisa Cariátide con rapazas danzando. Conta Vitrubio que a cidade de Caria aliouse cos persas nas guerras médicas. En castigo os habitantes foron exterminados polos gregos, e as mulleres condenadas a levar pesadas cargas. Para que non perderan memoria foron esculpidas como columnas termando do templo do Erecteion.

Amos e amas de casa, Cariátides do cotiá, do pan, da familia. Cariátides inmigrantes do tempo lento e da tenrura, cos velliños de ganchiño ou empurrando cadeiras de rodas nos parques. Cariátides fuxindo do clima e das guerras da fin do mundo, termando dos fillos no colo ou nos ventres. Cariátides que viven nas nosas casas traballando fóra e dentro. Enfermeiros, enfermeiras que coidan. Ministras de facenda no supermercado.

Cariátides coas bulsas das compras. Que enfrontan cada día tarefas da casa. Que cociñan ríndose da pandemia de masterchefs. Que soportan as vidas rotas das nais, dos avós.

Coidadores, coidadoras, cariátides soportando os arquitrabes onde a vida vai esculpindo o párkinson, as demencias senís, enfermidades neurovexetativas, o alzhéimer, os deterioros da complexa máquina do corpo ou do reloxio da sabedoría tan potente, tan fráxil que é o cerebro humano.

Atlantes e Cariátides. Mulleres e homes termando das rutinas da enfermidade, da costa abaixo das vidas que esmorecen. Que reivindican a revolución dos coidados para que non se transformen en escravitude. Atlantes soportando os ventos da vida. Cariátides que xa non aguantan máis pero seguen aguantando. Termando dos outros gratuítamente: un triunfo da humanidade.

Atlantes e Cariátides no mito grego. Masculinos, case sempre femininos. Cariátides e Atlantes na vida cotiá.

Comentarios