martes. 30.11.2021 |
El tiempo
martes. 30.11.2021
El tiempo

Cine, a penumbra da maxia

A maxia espera agochada no cine. Con vantaxes engadidas: menos xente, ningún caldeiro de palomitas, mesmo rechouchío de móbiles. A distancia precisa para sentarse na escuridade. Para viaxar no lombo da luz, música, palabra, esa taracea de historias. 

Alimenta o cine inexplorados territorios da fantasía, o xenio de actores e directores cando se acende a mellor cámara, o cerebro. Velaí o milagre, a sétima arte como pan noso de cada día, conscientes de que xamais volverá a normalidade. Mais, como ocurriu ao longo da historia, cando as pandemias remiten reborda a vida: unha catarse semellante a unha festa. 

Quedará unha paisaxe de cicatrices sociais e fendas económicas. E nese caldo de cultivo medrarán novas formas de vida e oportunidades de negocio para que o cine explore historias. Pasou antes: o Séptimo sello de Bergman ambientado no século XIV cando a peste negra aterreceu e baldeirou Europa. 

2020 foi o noso Ano da Peste. E do descubrimento do valor da ciencia. Onde os e as mellores enfrontáronse en primeira liña contra o virus descoñecido para nos salvar. E algo inédito: en apenas dez meses creouse unha vacina. 

Temas sociais, humanos, científicos saltarán ás pantallas. Na penumbra das salas rememoraremos o vivido. A condena á soidade. As feridas mentais que pasan factura aos novos. A desfeita económica que expulsou cara aos Erte a millóns de traballadores. O medo e o seu silencio son, case, títulos de películas dun poderoso evento que ocorre cada cen anos. 

Películas de heroes e viláns. De bufóns excesivos nos tronos do poder, e babecos negacionistas que, coa obriga de saber non tomou medidas multiplicando mortes e ruína. Ata que a presión social obrigou a poñer o foco no esencial: as persoas. 

E malos de película. Porque toda pandemia necesita culpables. A máis próxima, a do VIH culpou aos homosexuais. Na peste bubónica de 1348 bruxas e xudeus foron o chivo expiatorio. Na peste do 430 a.C. Atenas culpou aos espartanos. Agora buscamos culpables do coronavirus nos laboratorios chineses. O cine, está escrito, "máis que espello da realidade é a realidade do espello". 

Volvemos ao cine. Como volven as festas, os restaurantes, as praias. Regresan os bares, templos de comuñón entre o viño e a palabra. Porque a vida é teimuda e vai saltando dos seus freos ás nosas loucuras. Da morte a esta explosión de vida. Ata que as escuras andoriñas doutro coronavirus volva colgar os seus medos nos nosos balcóns. 

Volve o cine colorear a vida. A economía inventa novos traballos. Cambios sociais disparados a queimarroupa traen desigualdade e malestar social, tamén un presente máis gozoso e lúdico. E un futuro onde a vida acaba reinventándose. 

Diante da pantalla. No salón da casa. Mellor nunha sala de cine. Na penumbra da maxia.

Cine, a penumbra da maxia
Comentarios
ç