Opinión

Coa compaña dun pianista

CELÉBRASE EN Compostela a homenaxe das vítimas do covid-19. 619 rosas. Autoridades. Himnos de España e Galicia. E Negra sombra. Actúan en directo Luz Casal e Carlos Núñez que, "coa compañía dun pianista" fan unha emocionante versión do poema de Rosalía de Castro.

Dous artistas famosos con nome e apelidos. O que rechía nas crónicas dos medios é "coa compañía dun pianista". Certamente un piano de cola adorna moito nun acto cheo de emocións e autoridades. Quen era o pianista, ten nome? Tamén estaba de adorno?

O que conta a noticia reflicte o que pensa parte da sociedade: a cultura éche un adorno. Ata houbo un ministro que ninguneou a filosofía, artes, música, "cousas que distraen". Saben as apesaradas autoridades o que custa formar un pianista? Moitísimos cartos. E sobre todo "sangue, suor e bágoas" , dun teimundo e continuado esforzo que non remata nunca.

Moitos músicos traballan fóra. Fartas, moi cansas de empregos precarios mal pagados, un día collen o instrumento e vanse "coa música a outra parte" onde acollen cos brazos abertos, nas mellores orchestras, o valor engadido que aquí desprezamos. Atordados polo ruído e pola furia, pola descarnada busca de poder esquecemos, esquecen os nosos representantes que unha vida plena é imposible sen un chisquiño de beleza: a música fainos mellores.

Na fotografía, dous artistas de sona, co nome. Nun segundo plano, o "pianista que acompaña". Cantos anos levará batendo, logo pulsando, ao fin acariñando as teclas brancas e negras onde se agachan todas as melodías, todas as harmonías, todos os ritmos que percorren os camiños do pentagrama... E cantos dura a carreira dunha pianista? Pois desde que empeza no Conservatorio ata que morre: os músicos non se xubilan. Non sabemos o nome do pianista, canto pagou polo primeiro piano de segunda man, estudos interminables, aloxamento, viaxes, cursos de especialización. E, co título quente nas mans, hiperformados, vanse. Como ademais de música teñen sentido do humor, saben que a música ten moitas saídas: Porto, Lavacolla, Peinador, Alvedro...

Non, ninguén sabe o nome do heroe da foto que rematou unha carreira esixente. O futuro ten nubeiros escuros. Quere tocar aquí e non pode. O altísimo talento dos nosos músicos só ten acubillo nunhas poucas orquestras e bandas. O resto vaise dun país que ama máis o ruído e onde festas e verbenas rematan inevitablemente en botellóns.

A primavera musical e cultural que floreceu ao longo das poucas décadas de democracia rematou. Agora silenciamos ás mellores, expulsamos fóra cerebros excelentes. Ás veces hai excepcións e nalgún acto solemne un músico anónimo acompaña a figuras de sona, estes si, con nome e apelidos. Colocan a carón un piano de cola que adorna moito, e a "un pianista que acompaña".

Comentarios