Opinión

Común é a terra

VELAQUÍ ESTAMOS, na galerna dun sistema económico que non é quen de atopar solucións ás crises e desastres que provoca. A xente do común mira á ponte de mando doméstica e á gobernanza mundial. Pregunta se hai outro camiño, modelos alternativos que aporten esperanza. Pero o que ven é a reveladora imaxe de Oxfam: un bus de 60 prazas onde collen os que controlan a metade da economía mundial.

Decátase a cidadanía do esmorecemento de organizacións que protexen aos traballadores. Ve a partidos de esquerda difuminándose no soberanismo, onde os ricos reivindican o ‘seu dereito’ a decidir mentres o resto queda á intemperie. Agora andan asustados polo auxe do odio xenófobo e o egoísmo identitario dos nacionalismos.

Terra, ar e auga son dereitos dos veciños vivos do planeta, urdida que acubilla os ecosistemas e fai posible a vida. A nosa herdanza pertence aos netos. Pero está ameazada por un sistema económico que degrada as condicións de vida do planeta e fai invivibles amplas zonas da casa común. Precipitando a crise ecolóxica, conduce á nosa destrución.

Enriba de nós a espada de Damocles do quentamento climático: reto urxente para a Humanidade. Agrava desigualdades globais e afecta con crueldade aos máis fráxiles. Nun século onde a idea dun destino común para a Humanidade é tan evidente como afastada, as tensións van poñer en perigo o dereito á auga e a explotación dos recursos con equidade. Estámonos a converter nos nosos inimigos.
 

Grupos económicos xigantes acaparan propiedade, recursos e privilexios e fan perigar o salvavidas do común. Alimentan guerras económicas. Avivan o medo aos inmigrantes. Paralizan co temor ao paro. E adurmiñan á sociedade co carpe diem que rememora o que dicía un tal Luis XIV: "Detrás miña, o diluvio!" 

Todo isto debilita a democracia. A política perde liberdade de acción fronte a poderes económicos. Reclámanse e aparecen líderes ‘fortes’ con cheiro populista que alimentan a xenofobia, a paranoia pola seguridade e o odio que podrece a vida social. E ocorre cando o Estado móstrase débil para protexer a xente dos mercados, deslocalizacións como as de Alcoa ou Nissan, degradación climática.

Outro PIB con rostro humano pode medir o benestar social: nivel educativo, mortalidade infantil e esperanza de vida, xestión medioambiental, respecto aos dereitos humanos, nivel de participación democrática, tempo de ocio, seguridade na rúa. Sen as organizacións da sociedade civil, do deporte, ocio, arte, música, asociacións de veciños, grupos culturais perdemos lazos que unen a familia humana.

A historia recente contemplou o paso da economía feudal á de mercado, e despois a economía capitalista. Agora, estamos diante da economía social, procomún colaborativo, din algúns economistas. Común é a terra.

Comentarios