Opinión

O concerto dos paxaros

O mes de abril esqueceu chuvias e refraneiro nesta estraña primavera. Nos auditorios de parques e bosques inaugúrase un espectáculo sorprendente: os concertos dos paxaros no ciclo da vida que recomenza. Os grandes solistas alados son os máis pequenos, xílgaros e verderolos, cucos e merlos. As aves grandes teñen outros vestidos de festa para o cortexo.

As músicas máis fermosas saen das gorxas máis diminutas, un canto de amor para engaiolar á femia. Interminables sós a todas horas do día ou, como o reiseñor, nas altas horas da noite. Desafiando perigos que se agachan nas sombras porque o amor éche máis forte que o medo e a vida derrota á morte. A forza, a beleza do canto dos paxaros revelan vitalidade. Na natureza os xenes son moi prezados.

Nesta primavera, e en todas se o bípede humano non destrúe e queima a propia casa, hai unha explosión de cancións de amor na natureza. Os de guerra e morte son propiedade humana. Ábrese o ciclo da vida cunha época de abundancia gratuíta para alimentar á familia. Aquí non hai Gargantúas que engordan o bandullo da cobiza quitando o pan doutras bocas. A fermosa luz e a calor activan os resortes da vida nestes días interminables.

O rechouchío dos paxaros é tamén termómetro da saúde dos ecosistemas aínda que a cega actividade humana está a expulsar a moitas especies dos seus nichos. En ‘Primavera silenciosa’ Rachel Carson alertou hai máis de medio século sobre o silencio dos bosques, as pradarías sen bolboretas, as vodas das flores sen abellas. Os pesticidas están a acabar con insectos imprescindibles no ciclo das plantas e na despensa dos paxaros. Algo pasa cando a natureza cala.

O abrente do día éche un saúdo á vida cun concerto de música que encandea e engaiola. Pero tamén cada día titulares de prensa envelenan a primavera. ‘A temperatura media dos océanos bate o récord de 21,1%. ‘Os científicos advirten do punto insostible de Doñana mentres se regularizan invernadoiros ilegais’. ‘A verde Asturias xa non é tan verde’. ‘Europa afronta a peor seca en 500 anos’. ‘A guerra de Ucraína frea a loita contra o cambio climático’. ‘Serra Nevada e o Pirineo, como no verán’. ‘Estamos diante dunha fronteira climática descoñecida’. Pero aos científicos, no papel de Cassandra, as políticas populistas non lles fan caso. 

O silencio da primavera éche a tristura da natureza. A canción dos paxaros é música, vitalidade dos xenes, linguaxe da natureza que esperta. A melodía, a repetición, a ornamentación, a flexibidade das variacións, o volume, a potencia, a dozura, os ritmos, todo está neses solistas alados cando fan música. Cando crean beleza gratuíta. Cando morren de amor inventando vida cada primavera. Cando no auditorio da natureza cantan os paxaros.

Comentarios