domingo. 16.05.2021 |
El tiempo
domingo. 16.05.2021
El tiempo

Cando ter un fillo éche un luxo

QUE TRABALLADORES, mulleres e sinalados por Ertes, por Eres, non se poden permitir. Titulares previsibles. A natalidade derrúbase en España polo confinamento. Impacto da Covid no 1º semestre 2020: máximo histórico de mortes, mínimo de matrimonios, e de nacementos. O difícil crebacabezas de ter un fillo. Sabémolo ben: a pandemia paralizou a vida e crebou proxectos de futuro.

Houbo quen pensou que o confinamento provocaría unha explosión de bebés como a producida despois do histórico apagón en New York en novembro de 1965 que acabaría conxestionando as maternidades da Gran Mazá. Aquí non foi tal. A pandemia derrubou a natalidade en España, tamén en Galicia, cando aínda non remontara da crise de 2008. Somos un país máis vello.

No proceso de vacinación, primeiro os velliños das residencias, logo maiores de 80 anos, despois os de 75, 70... os chanzos deseñados polas autoridades sanitarias reflicten nidiamente que contamos coa riqueza dos anciáns, pero falta a dos nenos. A demografía bota en falta aos que non naceron. E son moitos: 200.000. Todas as marcas que aparecen coa pandemia son negativas. Máis defuncións. Menos nacementos. Retraso de dous anos na idade de maternidade. Menos vodas.

A situación que estamos a vivir, xa no segundo ano da parálise, tamén afecta ao estado de ánimo. Pandemia de Ertes. Precariedade laboral. Dificultades para conciliar familia e traballo. O tempo pasa e hai parellas que renuncian a ter fillos mentres a estrutura demográfica hai tempo que esqueceu ser pirámide para se converter en trompo.

Éche a hora dos demógrafos. Que poñan diante dos ollos a fotografía dun país que non pode caer na premonición pesimista: "Camiñamos cara a unha sociedade de anciáns discutindo de cousas vellas en casas antigas". Con 360.617 nacementos, 2019 foi o ano coa cifra máis baixa da serie histórica do Ine. 2020 será peor. Temos unha das taxas de fecundidade máis baixas do mundo: 1,2 nenos por muller.

"En Europa (en España, en Galicia) las cigüeñas dejaron de traer niños y llegaban en patera", anota con amargura El Roto. Pero resulta que ata eses nenos estorban nun país sen nenos. E son demonizados nos carteis do electoral metro de Madrid.

A sociedade, co seu tecido produtivo e os gobernos, ten a obriga de sementar futuro con medidas de presente no mercado laboral, traballos dignos, vivendas accesibles para cambiar a dinámica demográfica. E o estado de ánimo do país. Cando a vida normal esvaece. Cando o horizonte está cheo de nubeiros económicos.

Cando hai medo ao futuro e dúbidas sobre a saúde, poucos, poucas se atreven a ter un fillo se poden evitalo. Porque estorban os nenos, ‘sobran’ as nenas alí onde os fillos son un luxo que non se pode pagar. Nin se poden permitir.

Cando ter un fillo éche un luxo
Comentarios
ç