Opinión

Unha Constitución para o mundo

TEMOS XA esa Constitución. A Declaración Universal dos Dereitos Humanos. O documento máis importante do século XX, aprobado pola Asamblea Xeral da Onu despois da carnicería da 2ª Guerra Mundial, os cascallos aínda fumegando. Esta Constitución mundial baséase en principios sagrados, fondamente humanos como a liberdade, a xustiza e a paz. Son tan preciosos que obrigan a loitar cada día contra o seu menosprezo e descoñecemento culpable nun mundo tan vertebrado polas redes sociais. Tan necesarias. Ás veces deseñadas para ocultar e domesticar.

Son tan fráxiles eses principios que precisan ser protexidos por un réxime de dereito para que non sexan aplastados. Ocorre cada día, aquí e acolá, pola tiranía dos poderosos e a opresión do diñeiro. Como Constitución mundial a Declaración resultou fundamental para unha relación amigable entre as nacións. Así a Onu, no seu preámbulo, fala dunha fermosa utopía de fraternidade: "Nós, os pobos todos da terra...". A Constitución mundial pon en valor os dereitos e a dignidade humana. Reafirma a igualdade de dereitos entre homes e mulleres, as dúas ás imprescindibles para o voo da Humanidade. Quere promover o progreso e elevar o nivel de vida porque, ao contrario que nun desapiadado capitalismo, non concibe a igualdade sen liberdade.

Corren malos tempos para a visibilización dos dereitos humanos en amplas parcelas da casa Terra, a única que temos. Verde de vida, azul de auga, éche o único planeta capaz de albergar vida.

Dereitos humanos e dereitos para todas as formas de vida. Ao fin, os humanos somos uns veciños máis nun planeta onde a vida é compartida e interdependente. Pero a única especie humana sobrevivinte, o homo sapiens, mulleres e homes sabios, deambula pola historia coa mochila ben cargada de dereitos, monopolizando e depredando os recursos que non nos pertencen. Compórtase, tantas veces, como un Atila ben capaz de estragar a propia casa e dilapidar os recursos.

Convén, pois, ter presente este recordatorio dos dereitos humanos. Son 30 artigos que nos protexen, que protexen todas as formas de vida, e protexen ao planeta de nós mesmos.

Está escrito: "Homo hóminis lupus". O home éche lobo do home e dos horrores dos que é capaz para conseguir o que ambiciona arrincándoo da boca dos outros. Así o escribíu o comediógrafo Plauto na obra Asinaria: Lupus est homo homini, non homo, quom qualis sit non novit. Lobo é o home para o home, e non home, cando descoñece quen é o outro. Contra ese descoñecemento. Contra ese esquecemento. Contra ese instinto asasino e depredador, o 10 de decembro de 1948, a familia dos pobos da Terra, proclamou na Onu a Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

Comentarios