Opinión

Corrido nicaraguano da estraña parella

Mi padre fue peón de hacienda / y yo un revolucionario / mis hijos pusieron tienda / y mi nieto es funcionario». Resumo de tantas revolucións. Ou das desventuradas aventuras da estraña parella. En Nicaragua. O excomandante exsandinista Daniel Ortega e Rosario Murillo. Ou Yo, el supremo protagonizado por estes co-presidentes: tras cada reelección, 15 anos no poder, volve o día da marmota. Porque nesta mestura de ditadura búlgara e pesadelo bananeiro gañou os comicios co 75% dos votos, según o botafumeiro do poder. Co 80% de abstención din os observadores. E con toda a oposición real no exilio ou na cadea. Eleccións nada creíbles para a OEA, a UE, EE.UU. ou Canadá.

Os grandes nomes da cultura, da política e da decencia foron borrados da vida pública pola brutalidade do poder e a represión policial. Así, a voz profética do finado Ernesto Cardenal, Gioconda Belli ou Sergio Ramírez, do que cómpre ler estes días Tongolele no sabía bailar. Tantas, tantos que podían facer sombra foron silenciados. Todos os estándares internacionais dunhas eleccións democráticas foron pisoteados por estes monologuistas da farsa. Ortega e Murillo, Murillo e Ortega. Tanto monta.

A paisaxe social e política do país mártir é desoladora: 6,6 millóns paralizados polo medo. Estudantes que protagonizaron o levantamento, curas, empresarios, xuristas son sospeitosos en Nicaragua. Todos, todas os que fagan perigar o omnímodo poder da estraña parella.
Fóra de Nicaragua, unha pregunta: que queda da fermosa revolución sandinista tan rebordante de alegría e esperanza? Porque o evidente son os centos de asasinados nas protestas dos estudantes, os máis de 120.000 exilados, a oposición perseguida e expulsada dos comicios. 

A candidata que lideraba amplamente as enquisas, Cristiana Chamorro, na cadea. Todos os que podían supoñer unha ameaza, desde exguerrilleiros, ongs, xornalistas, no exilio. Ao fin, queda este teatriño de sangue e brutalidade, esta ditadura familiar que recorda aos Somoza. E igual de sanguinarios: as protestas cívicas e desarmadas que encenderon os estudantes en 2018 deixaron na rúa case 400 mortos. Os líderes opositores Arturo Cruz, Féliz Madariaga, Juan S. Chamorro, Noel J. Viduarre, Medardo Mairena, Miguel Mora, Violeta Granera, Adán Aguerri, comparten exilio ou celda cos presos políticos.

Ai Nicaragua Nicaragüíta, pechada nos sete círculos do inferno que administra con man de ferro a estraña parella. O mesmo ferro que as delirantes e esotéricas ‘Árbores da vida’ en Managua. 

O corrido da tristísima contrarrevolución nica ten outras palabras pero o mesmo cheiro das ditaduras bananeiras que martirizan á xente. Ou de como aquela primavera sandinista éche agora este inverno de represión. En Nicaragua.

Comentarios