Opinión

Cuestión de prioridades

DA POLÍTICA e da economía hay ducias de definicións. Ao final, o sentidiño común da xente aquilata as liñas mestras. Din os economistas que as necesidades son infinitas e os recursos limitados. Aí entran os políticos aos que eliximos con data de caducidade. Para xestionar o ben común. Ao fin, a política é cuestión de prioridades.

Ás veces saltan as alarmas da urxencia nun atentado terrorista desapiadado. Ou no asasinato e violación dunha rapaza, dun neno. E de súpeto todo pasa a segundo plano e aflora o peor de nós mesmos. Na luzada mediática, a lei de Lynch tenta substituír aos expertos, xuíces e políticos que teñen que artellar as leis. Aquí e acolá corren malos ventos para os partidos progresistas valedores desde sempre do estado social. Tentando pisar todos os callos ao mesmo tempo andan perdidos no seu labirinto. Perdemos todos. Xente do común, agobiada e co susto no corpo pola crise que salva a poucos e afunde á maioría, demanda manter o estado do benestar, que corre perigo de ser monopolizado polos privilexiados. Cuestión de prioridades.

No estado social uns poucos temas son verdadeiramente relevantes. A xoia da coroa é a sanidade pública, eficiente, universal. Tan importante que literalmente nos vai a vida nela. A educación pública, para que herdanza, posición social ou os cartos da familia non determinen o futuro da mocidade e non tiremos ao lixo o cerebro dos que non teñen recursos. A seguridade pública, para que a sociedade non sexa couto de caza dos que poden pagar castelos privados. As benditas pensións que pagan a dignidade da última etapa da vida, e agora mesmo son o salvavidas de tantas tribos familiares. A protección das vítimas da violencia machista que maltrata e asasina, que ningunea, paga menos e castiga á metade da familia humana.

Ao fin non son tantos os temas vitais. Cuestión de prioridades.

Quedan claro, moitos máis. Deixámolos nas mellores mans, as dos políticos que eliximos, interinos e xamais funcionarios do poder. A eles corresponde vertebrar o territorio, reformar unha constitución que non é a Táboa da Lei de Deus, a vergonza infumable duns medios públicos muecines dos gobernos e catequesis para babecos, o coidado da natureza asoballada pola cobiza, as reformas fiscais para que a economía non aplaste a vida da xente, duras leis sen perdón contra corruptores económicos e corrompidos políticos, a protección social dos máis febles, a colaboración internacional para non seguir parcelando o planeta con muros de arame, a renda universal.

A lista de necesidades é infinita, os recursos, así de limitados. Convén pois priorizar. Por pura intelixencia política. Por eficiencia económica. "A mil kilómetros de aquí / se están muriendo de hambre" óese de fondo a Melendi. Cuestión de prioridades.

Comentarios