Opinión

De redes e coitelos

PARA QUE serve un coitelo? Para cortar. Útil imprescindible. Mais, ás veces hai fanáticos que tentan impoñer dogmas con coitelos. E matan. Metáfora das redes sociais. Ferramentas de comunicación, armas de destrucción.

Na Idade Media costaba difundir ideas. Libros con prezo prohibitivo. O coñecemento, couto dunha élite en pazos e conventos. Coa imprenta democratízanse, espállanse as ideas. Arma e ferramenta, a imprenta multiplicou a información. Tamén aproveitada para revoltas violentas. 

Estamos na época das redes sociais, urdida de contactos e información que conecta e atrapa. A imprenta de Gutenberg é agora a world wide web. Todo vai de présa. Pasou o tempo no que uns poucos eran donos da información. Incontables medios dixitais, pantallas, redes sociais ao alcance. A través da arañeira de internet difúndense noticias, bulos, opinións. A golpe de clic. Algúns, multiplicados ata o infinito. Contidos virais. Sen gardiáns da información, con tanto poder nas mans a cidadanía potencia a democracia. Pero populismos e autocracias poden debilitala, envelenar a política.

Pesimismo e optimismo conviven. A xente comparte información, mobilízase na rúa, expresa opinións, afonda na democracia, implícase en movementos como MeToo, Fridays for Future, tarefas urxentes na casa planeta.

O volume de información nas redes é masivo, nin as ditaduras poden controlalo. Ese exceso tamén é forma de censura. Os que disparan balas enfróntanse aos que disparan tuits. As necesarias ferramentas dixitais poden transformarse en armas. Mobilizan a fanáticos, reforzan o poder autocrático, sementan odio. Estámolo a ver coa estraña elección da canción para Eurovisión e a previsible sarabia de haters.

Redes para unir e comunicar aos diferentes poden pechar as ideas en compartimentos impermeables reforzando aos que pensan igual: bandos e bandas dixitais. Utopía e motor de cambios sociais, tamén distopía e caixa de Pandora con ventos que non somos quen de domeñar. 

Coas redes pódese fortalecer a democracia, loitar contra ditadores e bufóns populistas, construír un mundo máis humano. Nas mans de vendedores de odio e mercaderes de fake news socavan os alicerces da democracia. Agora, os populismos sacan máis partido ás redes. Mentindo, incitando ao odio, convertindo en inimigo ao adversario político.

Máis aló das pantallas que devoran, tantas veces instrumentos de sometimento, hai persoas, xente que se afana e pasea. Arbores nudas ou ben vestidas. Este clima atolado. Arte urbana e rural. A cobiza dos canallas e a quentura da fraternidade. Hai un planeta ferido: casa común que acubilla a familia humana. Todo iso está fóra do embigo das pantallas se erguemos os ollos y miramos. Ata as mans, ata a palabra do outro. E convertemos en lazos os coitelos.

Comentarios