Opinión

Os desastres da guerra

Nos gravados colgan as crueldades cometidas na Guerra da Independencia de principios do XIX. Horror e mortos dun xeito cru nas estampas. Pero a dor, destrución, exilios, violacións e crueldades dunha guerra imperialista non collen nos 82 gravados de Goya. Porque a culta, laica e democrática Europa asómase aos desastres da guerra coa agresión da Rusia de Putin á veciña Ucraína, alentada polo renacido imperialismo. Os nacionalismos asolaron o planeta no século máis sanguento, o XX. As guerras non son cousa do pasado, acompañan sempre a epopea humana. 

«Aínda non sabemos se Putin é máis daniño que Stalin», sinala a escritora Liudmila Ulítskaya. Será difícil superar a crueldade xenocida de Kova, o ‘home de aceiro’, na tríada dos grandes asasinos da historia co nazi Hitler e co belga Leopoldo II, dono do Congo.

Deplora a escritora que Rusia nunca tivo sorte cos gobernantes. Lamenta a submisión ovina da cidadanía. A que aceptou a terrible guerra civil, o Holodomor ucraíno, o gulag. Agora, o mesmo silencio e medo diante do autócrata agresor. O que alentou a depredación do inmenso patrimonio do Estado nas mans cleptócratas dos oligarcas.

Nesta guerra perde moito e inxustamente a agredida Ucraína. Perde Rusia. Un millón e medio de rapaces recrutables fuxiu da guerra. Foxe do país xente formada, escritores, artistas, informáticos, creadores.
A escritora, recurrente candidata ao Nobel, sinala os perigos do nacionalismo ruso, tan letal como o resto dos nacionalismos que se constrúen contra o outro. Di: «Oitenta anos vivindo en Rusia, corenta convivindo cun marido ruso e non teño nin idea de que é iso da alma rusa». Agora, no exilio, observa un mundo nun acelerado proceso de cambio. O duro conflito entre Rusia e Occidente, máis económico que político. E mira cara a pragmática China que cambia o fiel da balanza de poder no mundo.

Bióloga e xenetista, experta en antropoloxía, descendente de xudeus ucraínos, exiliouse a Berlín cando Putin ordenou a invasión. Orgullosa da súa independencia e contraria á neutralidade covarde e asexuada, non soportaba vivir tanta devastación moral. Aínda que no Moscú dos ollos pechados non había guerra. Nos escritos percorre o tempo que vai do estalinismo á desmembración e desmantelamento da URSS. A súa mirada é moi crítica cunha cultura incapaz de cambiar un mundo onde apenas un 7% le, e só outro 7% deles le libros de calidade. 

Desde o corazón de Europa, esperta a antiga dor, a crueldade e os rostros do exilio, os perdedores de todas as guerras. Desta enquistada guerra. E agora, outra vez e sempre, a ferida aberta, a guerra interminable, o sacrificio dos inocentes, o martirio dos nenos, a dor infinita no gueto de Gaza. O horror e a barbarie que Goya foi incapaz de gravar en ‘Os desastres da guerra’.

Comentarios