Opinión

O desigual camiño da igualdade

Aínda que as desigualdades reducíronse, a concentración da riqueza segue a ser excesiva. No XIX a riqueza do 1% máis rico rozaba a obscenidade. Aínda hoxe, o 25% da riqueza segue nas súas mans, quintuplicando o que ten a metade da Humanidade. Paradoxalmente os grandes masacres do XX disminuíron as desigualdades, e foi na Europa illa de liberdade, democracia e dereitos humanos onde os sistemas fiscais fixeron posible o estado social entre 1920 e 1980. Despois, o hipercapitalismo, xusto cando a caída do Muro de Berlín en 1989 mostraba os cascallos do 'socialismo real'.

O estado do benestar consume a metade dos presupostos en saúde, pensións e educación públicas. Unha ollada a outras zonas do planeta abonda para decatarse de que esa enorme inversión paga a pena. A súa xibarización desde 1980 augura un futuro inquietante. Políticas populistas e ultraconservadoras apostan pola ferocidade privatizadora. Un sistema económico con rostro humano, participativo e descentralizado, democrático e respectuso, ecolóxico e feminista pode enfrontar problemas sociais e urxencias do planeta.

España como síntoma. Cun dos mellores sistemas sanitarios, un coronavirus abriunos os ollos. Medios hospitalarios e recursos humanos reveláronse insuficientes contra o covid-19. Nada que ver coa debacle nos máis vulnerables. E iso que se avanzou moito en equidade. A principios do XX Europa dedicaba un 0,5% dos recursos á educación que constrúe igualdade e prosperidade. O presuposto multiplicouse por dez pero, aínda escaso, deixa a moitos fóra, á intemperie: malgasto de cerebro que ningún país se pode permitir. Permítese: desde os 90 a inversión educativa ralentizouse. Aquí péchanse aulas públicas e aumentan concertos educativos privados nunha aposta incomprensible pola desigualdade. A parábola de Oxfam do bus onde collen os que controlan a riqueza alerta das desigualdades globais.

O capitalismo máis brutal anchea a fenda e esgota o planeta. Pero máis aló do utópico desexo evanxélico 'Os humildes herdarán a terra' Mt. 5:5, cómpre outro modelo económico que aposte pola redución das desigualdades e o acceso igualitario á saúde, educación, traballo. Con paridade de xénero non só para suturar a fenda salarial, senón para que as mulleres teñan acceso a iguais empregos que os homes. Precisa recursos que hai que pagar con impostos. Que graben a empresas e familias con máis patrimonio e riqueza. A fin de contas, conseguidas ao longo do tempo grazas a un sistema económico sen fronteiras e á explotación desapiadada dos recursos humanos e naturais dun planeta exhausto. Non estamos sós. Somos veciños interdependentes na familia dos seres vivos. Coa responsabilidade de que o benestar sexa compartido, ecolóxico, sostible. E máis equitativo.

Comentarios