martes. 07.04.2020 |
El tiempo
martes. 07.04.2020
El tiempo

Dióxenes na biblioteca pública

A escena perdura na memoria da historia. O guerreiro de pé diante do filósofo. Sentado no tobo mira ao poderoso rei macedonio, tan novo. Detrás, o exército. Berros dos soldados. Algúns, impacientes, petan coa lanza nos escudos. Burlas e balbordo. Veña, que aínda non es Alejandro Magno! Hai moito que conquistar para perder o tempo co pailán este dos farrapos!

Ofrécesme o que queira. Aparta e déixame ver o sol, pide o filósofo cínico. O que desexo é un luxo que non coñeces, o silencio. Dous mil trescentos anos despois segue a haber ruído abondo no ambiente. O silencio é luxo escaso. O rebumbio mantén incandescentes redes sociais e pantallas. Necesarias e sempre en perigo de se converter en cloacas onde esvara tanta lea, tanta furia.

Dióxenes, o Cínico vivía nun tinallón. Dono de nada. Provocador cun candil á busca de homes honestos. Señor dun anaquiño de sol, calor dos vellos, que ilumina horas de reflexión e silencio, ben precioso en vías de extinción.

Hai televisións nas que atordan os sicofantes, palabra grega que apenas se usa. Define a calumniadores profesionais pagados para silenciar aos opoñentes na asemblea dos cidadáns. Menudean nas tertulias barateiras. Atorden, berran, ningunean, non deixan falar, envolven en mentiras e ruído e falta de respecto ao outro. Ás veces salta ata os hemiciclos dos nosos representantes. Os coitelos substitúen aos lazos. Neses monólogos ou diálogos de xordos ninguén escoita a ninguén. Debaixo do brazo argumentarios de tribo, de secta. Nos escenarios cidadáns non se tolera tanta brocha gorda e falta de cortesía.

Territorio colonizado polos sicofantes son as redes sociais. Campo de minas. Caixón de xastre dun malestar infinito. Menudea o caos, o berro, os insultos. Territorio ben estarcado do tremendismo e a desmesura. Fake news, na distopía trumpiana.

Onde fuxir? Onde refuxiarse deste rechouchío agre que envelena cada hora do día, que impide escoitar ao outro? Que substitúe dialogar por barbarizar no sentido intransitivo: decir barbaridades.

A xente do común corre o perigo de deixarse arrastrar polo caudal de ruído das cloacas políticas, das tertulias de queroseno, das trincheiras das redes. Ou pode imitar ao filósofo que prefería a raiola de sol aos agasallos do conquistador. E camiñar despois, de vagariño, ata a biblioteca pública, templo sagrado de letras e silencios. Para acubillarse nas verdades dos libros que viaxan tan lonxe, que chegan aos adentros. Que enfrontan dúas soidades, a do escritor e a do lector. Que activan o órgano máis lacazán: o cerebro.

Nin sequera un rei pode agasallar con tanta riqueza, co luxo de silencio que gozan os filósofos, a xente que lendo aprende a pensar. Este Dióxenes co candil iluminando a sabedoría e o silencio na biblioteca.

Dióxenes na biblioteca pública
Comentarios