Opinión

Do século de Europa ao século da UE

SÉCULO XX. O das grandes carnicerías mundiais. O da xigantesca fábrica de cadáveres. O das cámaras de gas e o exterminio científicamente executado. O do ollo do Gran Irmán sobre pobos enteiros. O dos fascismos, o estalinismo e o nazismo. O século con incontables vítimas: soldados, civís asasinados, presos políticos por millóns, masas famentas, conxeladas.

Dese século de violencia vimos. As matemáticas dan testemuña da dimensión da barbarie. A saber: 20 millóns de mortos na Gran Guerra. Máis de 40 millóns na 2ª Guerra Mundial. 6 millóns nos fornos do Holocausto. Máis de 20 millóns desaparecidos no gulag e a represión de Stalin, o maior asasino da historia, sen esquecer a Hitler e ao belga Leopoldo II, dono do Congo. Tiña razón Hobsbawn: Témonos acostumado a matar. Xamais na longa andaina da Humanidade houbo tantas mortes e destrucción con tanta furia e eficacia.

Os historiadores recontan a vítimas dun século de guerras e violencia política: 170 millóns. A cifra é maior se contamos aos outros xinetes da apocalipse bélica como destrucción, pandemias. E fames como a do castigo de Stalin contra Ucraína contado por Anne Applebaum. 

Ata que en 1989 cae o Muro de Berlín e Europa respira o ar limpo da liberación. Despois dos fracasos dos fascismos, do comunismo e do nazismo, a Unión Europea éche a conquista máis esperanzadora. Un arquipélago de países acubilla ciencia e luces da razón, as artes, a vertebral función pública, o dereito, os Parlamentos, o ecosistema democrático. Conquistas con influencia planetaria no planeta globalizado.

Europa transitou dunha e hexemonía depredadora que repartiu África e copaba a maior parte do globo ata esta hexemonía que exporta estado democrático, dereitos humanos, separación de poderes, sociedades civís laicas e fortes, estado do benestar.

Nunca, como nas primeiras décadas do XXI, tantos gozaron de tanta liberdade, benestar e altos niveis de vida nunha das economías máis grandes do mundo. Cun perigo real: a volta dos populismos de ultradereita e dos nacionalismos que alfombraron de morte e cascallos boa parte do século anterior.

Aquela Europa das dúas grandes guerras civís aposta agora pola política fronte á pólvora e goza dunha seguridade xamais vista. O seu poderoso atractivo converte aos países da UE en faro atraínte mesmo para países do leste, o último, Ucraína. Da servidume á democracia, aínda que haxa quen  aposte polo populismo e o autoritarismo, tan afastados dos valores europeos: Hungría, Polonia.

A Europa exportadora de democracia, economía de mercado, valor da ciencia e da investigación é ben capaz agora de enfrontar o reto climático, pandemias, crises financeiras, inmigración. O fracaso de Europa, da UE, sería, será o fracaso do mundo.

Comentarios