Opinión

Dous aiatolás e 44 millóns de mulleres

Nas rúas iranianas, imaxes dos dous anciáns aiatolás. Aquel Jomeini, este Jamenei, donos do poder e vixiantes desde infinitos carteis. Ollos do gran irmán, colgados en valados publicitarios e no poder pola vontade de Deus. Recordan aqueles versos de B. Brecht: "Colgado na parede teño unha talla xaponesa…/miro as avultadas veas na fronte/que revelan o esforzo que custa ser malo". Non se fala das persoas, fálase de que toda tiranía, toda ditadura revela o mal. En Irán, a autocracia dos que impoñen credo e vontade política á cidadanía.

E fálase dun país culto e urbano con case 90 millóns de habitantes. Obrigados a malvivir á marxe dos dereitos humanos e dunha vida en liberdade nunha primavera onde a democacia non acaba de agromar. Fálase dunha teocracia, incomprensible no século XXI, que oculta á muller tras un veo de tea que, mal colocado, costou a vida e a morte incomprensible de Masha Amini e unha ondada de protestas. Só a presión internacional e a diplomacia, como a que acaba de liberar á activista galega Ana Baneira, pode frear ao réxime dos aiatolas.

Nun Irán coas mulleres invisibilizadas pola vontade masculina as rapazas érguense contra a teocracia medieval destes anciáns crueis. "¡Mulleres, vida e liberdade!" éche o berro de protesta contra a ditadura represora e asasina: 350 mortos, 20.000 detidos. Rapaces aforcados en público para paralizar co medo as protestas.

Están a conseguilo. O cárcere de Evin, en Teherán, atestado de rapazas e rapaces detidos, descríbese agora como a "universidade". O delito, pedir democracia e esixir liberdade. A resposta, torturas e represión. As mulleres arrincan o veo símbolo de submisión e cortan o cabelo como protesta contra a ditadura iraní.

Na universidade de verdade non se apagan as protestas e a campaña de desobediencia civil. De momento, as alumnas non foron expulsadas das aulas como no veciño e rural Afganistán, onde o cinismo dos clérigos envía ás fillas estudar a Pakistán.

A loita das mulleres iranianas recorda o movemento polos dereitos civís en EE.UU. con outra figura icónica, Rosa Parks, a muller negra que en 1955 se negou a ceder o asento no bus a un branco. Moitas décadas despois as iranianas reprimidas na rúa arrincan o veo nunha forma intelixente e visible de oposición á revolución dos aiatolás. Que traizoou ás mulleres. Que identifica o feminino co mal. Que ordena tapar as mulleres.

Que as veta para seren xuízas. Que teñen menos dereitos que os homes. ¿Como pode voar un país sen a á feminina? Son a metade da poboación que non quere ser sometida polo poder de dous aiatolás. Afirman representar a vontade de Deus pero o único que importa é a vontade popular, masculina e feminina. Son exactamente 44 millóns de mulleres baixo a sombra opresora dos aiatolás.

Comentarios