Opinión

E quen foi Pierre Boulez?

A IMPLANTACIÓN da TDT, Televisión Dixital Terrestre, ollo, non confundir con trinitrotolueno, costou centos de millóns de euros. O márketing desa marabilla falaba de innovacións técnicas, mellora da imaxe, amplo abano cultural. Centos de canles e oferta ilimitada de opcións. Cousiñas que monopolizou unha inmensa minoría. Para o resto quedan un par de ducias de cadeas que deixan en evidencia o carísimo invento. Tanto para tan pouco. Porque seguimos a papar os mesmos concursos, personaxes repetidos, realities, tertulias siamesas de taberna, insufribles nenos cantando e bailando disfrazados de adultos. E infinitos concursos de cociña nun país onde tantos preparan o menú nos contedores de lixo.

Alimentámonos de titulares. Unha ollada por riba ás pantallas levaría a pensar que o país está habitado por unha fauna previsible, unha porcentaxe notable de descerebrados, uns habitantes con problemas de audición («¡Cuán gritan esos malditos!»). E uns políticos ao redor do propio baleiro. Uns poucos deuses do balón redondo, en coches de alta gama alleos a códigos de circulación, soldos delincuentes e problemas coa facenda pública, teñen angaiolado ao persoal. E a sementeira cotiá de dexastres. Delincuentes fanatizados por credos de odio. Tipos animalizados que humillan ás mulleres. O clima atolado dun planeta habitado por tolos. E a infinita corda de condenados fuxindo do invivible. A pesares de todo somos mellor do que reflicten os medios. Dicía Albert Camus: «Hai nos homes máis cousas dignas de admiración que de desprezo».

Moitos titulares saen dos laboratorios dos cartos. E así case nunca nos enteramos das noticias miúdas que terman da vida. Investigadores de primeiro nivel mal pagados. Enxeñeiros que poñen as trabes para un planeta máis habitable. Rapaces emprendedores. Médicos que cada mañana curan as feridas do mundo. Escritores, poetas, músicos que descobren as caras do prisma da beleza.

Tampouco nos enteraremos de que nos deixou Pierre Boulez, compositor e director de orquestra. Xenio iconoclasta, tentou reinventar a música nunha longa andaina desde os cascallos da 2ª Guerra Mundial. Enfant terrible contra o establecido na súa teima por construir algo inédito e convencernos da inmensa utilidade dos ‘saberes inútiles’, como a música. Boulez destacou como pedagogo. Pensaba que había que educar para degustar mesmo a música difícil. A de Debussy, Ravel, sobre todo Mahler. Tamén Bartok, Stravinsky, Schoenberg. Ata crear a Cidade da Música nun deprimido distrito de París. Nada que ver coa desmesura perpetrada en Valencia por megalómanos e saqueadores.

Mentres papamos futbolistas, berros en tertulia, menús de plexiglás, artistas diminutos e tarados fozando na caspa e na urea, seguimos a preguntar quen foi Pierre Boulez.

Comentarios