lunes. 14.06.2021 |
El tiempo
lunes. 14.06.2021
El tiempo

Efémera aventura humana

CONTABA O astrofísico Carl Sagan que se puidésemos concentrar nun só ano os quince mil millóns do Universo… o Big Bang tería ocurrido o 1 de xaneiro.

A Terra formaríase no mes de setembro, pouco antes do último trimestre da longa epopea do universo. A nosa casa atópase á distancia xusta do sol, no difícil equilibrio que permite a vida. E no ángulo preciso para recibir a súa calor, cun escudo protector contra as radiacións nocivas. O xiro sobre o eixe determina os ritmos de luz e escuridade, e a viaxe anual ao redor da súa estrela, as estacións. A Terra, azul da agua e verde da vida, éche o único fogar que coñecemos capaz de albergar vida: un ‘punto azul pálido’ flotando nunha esquina da Vía Láctea, perdido na inmensidade do cosmos.

Os dinosaurios, nesta singradura concentrada nun ano dos quince mil millóns de vida do universo, aparecerían nas vésperas de Nadal. Os dinosaurios, tan presentes nos estratos minerais, nos soños, xogos infantís e medos apareceron hai 225 millóns de anos e apeáronse do planeta hai uns 65 millóns. Máis aló do merchandising de Jurassic Park, só quedan pegadas e ósos de pedra.

Moito antes dos dinosaurios chegaría polos camiños da evolución un estraño tipo de plantas semellante ao noso mofo. O sexo das plantas, que cambiaría a monótona paisaxe verde polo arco da vella das cores luminosas, é dicir, as flores, é moi posterior. Aparecerían o 28 de decembro.

Ás 22.30 de Noitevella chegarían os nosos antergos. Os homínidos, cando todos fomos africanos, iniciarían a peregrinaxe polas corredoiras do planeta apenas hora e media antes de rematar o ano. Aínda máis recente éche a única especie humana sobrevivinte, a do homo sapiens: mulleres e homes sabios. Aínda que ás veces nos comportemos dun xeito tan irracional e perigoso para a supervivencia dos que herdarán a terra: os netos dos nosos netos, e todos os veciños vivos do planeta.

A historia escrita da Humanidade en pedra, papiro, pergameo, papel ou no cristal das pantallas ocuparía os dez últimos segundos do 31 de decembro. A historia escrita éche a nosa memoria e o mellor signo de identidade humana.

E o tempo entre o Renacimento que abre as portas ao mundo moderno e global, e o século XXI que pecha o ciclo, abranguería pouco más dun segundo dese concentrado ano de vida do cosmos.

Así de xigantes somos. Así de minúsculos somos. Así de necesarios para preservar ecosistemas, paisaxes e os escenarios da vida. Así de prescindibles na viaxe de 4.500 millóns de anos da Terra. Desaparecidas as especies humanas irmás, neandertais e denisovanos dos que conservamos vestixios xenéticos, só queda unha única especie, a do homo sapiens. Os oito millóns de especies de seres vivos que aínda poboan o planeta son testemuña da efémera aventura humana.

Efémera aventura humana
Comentarios
ç