Opinión

Eratóstrato no País das Piromanías

España non arde, queimámola. Cada ano. Cando non chove, hai pouca humidade e sopra o vento, trindade que favorece o lume. Pero nin a choiva, nin a sequidade da terra nin o nordés queiman a casa natureza.

Poñen lume na propia casa as piromanías da necidade, a cobiza, o autoodio, o negocio do lume, o cainismo, algún raio despistado, o descoido como o levou por diante 1.650 ha. en Baleira ou os máis de cen incendios provocados que abrasaron Asturias.

A madeira que se produce non paga o custo da maquinaria apagalumes e o tan limitado da prevención. Pero nun incendio quéimase moito máis que madeira. Vanse cousas invisibles e valiosas como fungos, bacterias do chan, a humilde trama vexetal. Hai quen reclama desnortadamente que se limpen os montes. Daquela, ¿son suciedade carqueixas e xestas?, ¿silvas e dente de león?, ¿as floriñas ventureiras e os toxos?, ¿queirogas e arbustos?. ¿Hai que denudar os montes do que non sexa piñeiros e eucaliptos?. A cobiza humana, máis aló de herba para o gando ou madeira, só ve maleza nuns ecositemas que sosteñen cun delicado equilibrio o complexo puzzle da vida. No planeta non vivimos sós.

No norte da península, que cada ano arde máis cedo con entusiasmo pirómano, nada hai máis monótono e monócromo que paisaxes domesticadas con eucaliptos, tan necesarios para producir madeira. Pero no monte hai máis cousas. E os bosques autóctonos son xoias que hai que coidar, amar, protexer das alimañas humanas.

Galicia non arde, están a queimala. A serra levantina non arde soa. Asturias non é só herba para as vacas. A xeografía natural do país non arde, mans asasinas prenden lume. Cobizas curtopracistas buscan barata madeira queimada. Hai descerebrados que prefiren os seus pastos ás breñas e matogueira que alimentan a necesaria bicharada da natureza. Hai, claro, negocios ligados ao lume. E hai Eratóstratos pastores que queimaron hai 2.500 anos o templo de Artemisa en Éfeso e incendian hoxe os templos da natureza.

A fascinación polo lume acompáñanos desde sempre. Cada ano arden millóns de hectáreas no planeta. En España. En Galicia. Non arden soas, alguén prende lume. A penas saímos do inverno e a superficie arborada queimada multiplica por vintetrés á de 2022. En 2020 arderon 5,5 millóns de ha: 5.500.000 campos de fútbol e 182 millóns de toneladas de CO2 envelenaron a atmósfera según o informe El Planeta en Llamas. En 2022, nunha península cada ano máis amarela e árida, arderon 310.000 ha, catro de cada dez da UE. Non arderon soas. Queimámolas.

Non hai moito espazo para a esperanza cando se ignora, cando se odia, cando se vive de costas á natureza. Cando nos empeñamos en poñer lume na propia casa. Cando Caín asasina ao irmán neste País de Piromanías con Eratóstratos insensatos.

Comentarios