Opinión

Escoitando atentamente a Antón Costas

Paisaxe despois da pandemia, nos Encontros de El Progreso. Empresario, catedrático, autor de libros de economía. Bo comunicador. Nas súas palabras, unha forte pulsión humanista. Recorda a A.B. Arkinson: ‘A economía é sobre todo unha ciencia social e moral’. Vén de oikonomía, ou como levar a casa: pero, para que serve se non axuda ás persoas? 

O presidente do Consello Económico e Social aposta por un novo contrato social para enfrontar retos e oportunidades despois da pandemia que paralizou a economía mundial e sementou medo nas sociedades.

A primeira ollada á paisaxe despois da parálise do virus reflicte unha rápida recuperación. Nada que ver co quinquenio de desolación da Gran Depresión. Apenas ano e medio despois, os niveis de actividade son os de antes da pandemia. Coa espada de Damocles da elevada débeda, agora máis sostible cuns cartos máis baratos. 

Propón as tres R: resistir, recuperar, reconstruír. Resistir, colocando no centro a preocupación polas persoas. E non volver á desfeita da crise de anterior que deixou á intemperie a empresas e traballadores co mantra da austeridade. Agora fixémolo ben e co escudo dos Ertes. recuperámonos mellor.

Recuperar. Ou como a economía se move impulsada por dous motores, público e privado, gripados en 2008. Agora o público tira da economía e os ertes alimentan o motor privado. Xestionando mellor a economía non houbo que apelar á desapiadada austeridade que paralizou aos países vulnerables e multiplicou o sufrimento dos pobres.

Reconstruír. Con dúas cicatrices que suturar: a lousa da débeda e os traballos esenciais contra a covid dos que foxen os traballadores, como camioneiros. Para eses traballos esenciais, a fórmula Biden: Non atopades traballadores? Pagade máis.

Cicatrices sociais, como a desoladora dimensión da pobreza en España que golpea a nenos de 0-5 anos: a súa alimentación, escola e futuro son retos de xustiza social. E de inversión: universalizar o ensino 0-3 e dignificar o papel das nais, cariátides que sosteñen as sociedades. 

E cicatrices económicas ou retos para aproveitar a dixitalización e automatización dos procesos produtivos, descarbonización e transición ecolóxica. Fermosa música pero letra de sacrificios aínda por asumir.

Convén acertar na transición á nova economía. Ou é xusta ou será un dexastre que pagarán os máis vulnerables. Ao contrario da visión tradicional, unha sociedade xusta produce unha economía eficiente. Investir en xustiza social é apostar por pechar as fendas sociais e fortalecer a economía. Baixo o paraugas, desta volta si, da CE cos fondos para a recuperación.

Sopran ventos favorables, só queda acertar co rumbo. As asisadas palabras de Antón Costas mostran unha esperanzadora paisaxe despois da pandemia.

Comentarios