Opinión

A escola de idiomas da natureza

É bo dominar idiomas, mesmo o inglés, latín moderno. Pero descoñecemos as linguaxes da natureza. Autoproclamados reis do planeta, desprezamos as falas doutras especies, o idioma das árbores, dos escasos grandes mamíferos salvaxes. O colapso das poboacións de insectos que condenan ao silencio. O noso analfabetismo non se decata da pavorosa perda de biodiversidade.

¿Cales son os códigos destes veciños? ¿Qué idioma falan os bosques? ¿Qué intenta dicir o mar cando o convertemos en vertedoiro de plástico? Ignoramos a linguaxe dos outros seres vivos obrigando a que vivan calados e morran en silencio.

O analfabetismo ambiental non atende voces de alarma doutros seres vivos. Semella que non queda sitio para eles. Esta excesiva influencia da nosa especie sobre o planeta inaugura una era inquietante, o Antropoceno. 

As linguaxes da natureza, os idiomas dos outros seres vivos teñen que ser escoitados. Todos estamos imbricados e somos interdependentes. Necesitámonos. Plantas e animais tecen unha fermosa, intrincada, imprescindible Babel de idiomas feitos para a comprensión e o amor.

O analfabetismo sobre o mundo natural transmítese aos fillos. Na investigación dunha universidade inglesa os nenos recoñecían ata o 80% dos personaxes de Pokemon pero só un 50% das plantas e animais da contorna. O 83% non soubo recoñecer un abellón ou unha folla de carballo. Calquera neno en EE.UU. é quen de identificar centos de logos comerciais pero apenas unha ducia de animais veciños. Cegos, xordos, incapaces de recoñecer a fermosa linguaxe dos ecosistemas dos que forman parte. A curiosidade, a observación, o esforzo, a memoria ceden diante do inmediatismo, as présas, a colonización masiva das pantallas.

¿Como canta un xílgaro? ¿Onde medra unha amanita muscaria? ¿De qué cor é a bolboreta da col? ¿Como é o voo dun pombo? ¿Quen viu a postura axexante dunta troita? ¿Que árbores se espiden no outono? 

O ecosistema no que vivimos vese tan afastado como unha galaxia. Rachel Carson avisounos en ‘Primavera silenciosa’: ‘O ser humano é parte da natureza. A súa guerra contra ela é inevitablemente unha guerra contra si mesmo’.

Deficitarios en natureza, condenamos a fillos e netos a seren orfos dela. Ignoramos os códigos de alarma da emerxencia climática. A economía baseada en extraer máis, producir máis, consumir máis ata esgotar a despensa das outras oito millóns de especies, despreza o alfabeto natural. Non podemos desentendernos das falas que nos rodean, os idiomas das árbores, as linguas dos animais veciños. Todas e cada unha das letras do abecedario natural berra pedindo axuda. Só queda aprender os fermosos idiomas cos que nos falan os seres vivos e traducir as súas linguaxes ata facelas comprensibles. Na escola de idiomas da natureza.

Comentarios