Opinión

"Una de las dos Españas…"

A ESPAÑA que morre, a que bocexa. Ancoradas no pasado, encirradas polas elites. Que non se soportaban. Perviven, pero nin de lonxe son as que sumaban odio á pobreza. Pesimismo e autoflaxelación en forzas políticas menores pero ben capaces de manter acendidos os motores do rancor. Non poden estar condenadas a se enfrontar, pobre Sísifo carretando o seu fracaso unha e outra vez ata o cumio, ata o abismo. Teimudas como os dous brutáns a fungueirazos no cadro de Goya. Ou como se a Mater dolorosa descrita polo historiador Álvarez Junco continuara desde o XIX a súa andaina envelenadora. 

Non somos así. Nin podemos permitir esa imaxe do pasado. Aínda que haxa partidos teimando apropiarse, debilitando, dos símbolos do Estado que son de todos. Éche unha mágoa que non atoparan complicidades para se enfrontar xuntos á pandemia da covid-19. Ou á crise económica provocada pola agresión a Ucraína do tirano ruso. Con desesperanza asistimos a esa especie de gardería borrascosa en que os parlamentarios converten o Congreso cada semana. Avergoñando a todos. Inconscientes de que o prezo a pagar por ese espectáculo de gladiadores maleducados pasa factura democrática: desprestixio do lexislativo, o xudicial, o executivo. 

Dúas Españas. Ou a ameaza á democracia polo tsunami de populismos ultranacionalistas. Como os EE.UU. do lamentable Trump acirrando unha turba golpista contra o Capitolio. As dúas Colombias rotas baixo o peso de dez millóns de mortos, apostando agora pola esperanza. O Brasil inmenso do diminuto Bolsonaro. O Brexit trampulleiro de Boris Johnson. Ou ese Orban que vén de gañar as eleccións en Hungría coas cartas marcadas. Todos xogando á ruleta rusa contra a democracia liberal: votos que se contan e respecto ás minorías. 

Os partidos, claro, representan o país. Ás veces, espellos que distorsionan a realidade. Non somos así. Nin inflamamos de queroseno as relacións. Non usamos contra os que ao noso carón pensan diferente retórica belicista: separatista!, franquista!, terrorista!, socialcomunista!, fascista!, ilexítimo! Somos diferentes. Pensamos distinto pero non chegamos ao insulto, á descualificación do adversario, ao cainismo que exhiben irresponsablemente os nosos representantes. Vivimos xuntos na cidade construíndo cidadanía coa palabra e a empatía, do mesmo xeito que os políticos precisan do diálogo, acordos, urdida de complicidades persoais para atopar solucións a problemas complexos. En tempos de crise, polo covid-19 ou por unha guerra absurda que fai cambalear o planeta. 

A diferencia éche un valor cultural á hora de convivir. Sen tanto ruído. Nun país definitivamente mestizo. Emigrante, inmigrante. Afortundamente europeo. Unha España moderna, aberta, empática, plural. Que non conxele o corazón.

Comentarios