Opinión

A furia dos idiotas

PROHIBIDO tocar a bucina, lese en sitios sensibles da cidade, hospitais, colexios. Semella un anuncio do s. XIX. A fin de contas a bucina abusiva non é o elemento peor do coche. Hoxe, a furia dos idiotas desafógase facendo trompos a cen por hora ou retos nocturnos sen respectar os dereitos dos outros. De cando en vez lemos a noticia de que algún neno, un avó caeu porque tivo a ousadía de tentar cruzar a rúa mesmo polos pasos de peóns.

España non é un país sucio. Éche un país que terma sobre a pel xente sucia, pouco respectuosa consigo mesmo e cos demais. Este país ten a desgraza de soportar a bípedes que se comportan como un virus letal contra a terra emporcallando a natureza. Méxase, vomita, cuspe en calquera recuncho da rúa, das prazas con impunidade. Onde vai que as múltiples policías, acovardadas, móvense pola cidade dentro de coches desde onde tan pouco se ve e onde son invisibles para os matóns, para os idiotas.

Falta pois civismo, outra palabra antiga fóra de sitio. Tamén debe ser decimonónica. Vén sendo esa capacidade harmoniosa para vivir convivindo, onde no se impón a lei do máis forte, o matonismo dos peores, a suciedade dos porcos de pé, os berros dos descerebrados e dos ferocísimos insultadores que se foron apoderando dos foros públicos.

Non sería malgasto que poderes públicos subvencionaran viaxes pedagóxicos a países onde o civismo permanece vixente. Porque pasas unha tempada fóra, digamos en Suecia, e cando volves xusto o primeiro día xa te percatas que en España está colonizada pola furia dos parvos. Porque te decatas que en quince días non escoitaches nin unha soa vez una bucina. Nin viches ningún trompo nas rúas da cidade. E que cincuenta metros antes dun paso de peóns os coches frean e ceden o paso ás persoas. E que en ningures viches unha lata de cervexa, unha bulsa de plástico. Nin recordas que ninguén escupira ou mexara impunemente na rúa.

Agora que o pensas, tampouco viches berrar na cafetería, alborotar no tren ou no bus. Só cando no avión de volta regresabas compartindo espazo con indíxenas patrios te percataches de que volvías a España. O avión era unha especie de guardería borrascosa onde pouco antes de aterrar todos cantaban e palmeaban que o piloto éche un condutor de primeira.

Naturalmente os máis avisados pensan que esto do civismo non se pode improvisar: éche sedimento educativo de décadas. E que é na escola onde se educa en civismo, tamén en educación sexual, ecoloxía, nutrición, normas de cortesía, respecto á natureza e ás minorías,... tantas cousas. E se queda tempo entre tanto déficit, haberá que dedicalo ás matemáticas, historia, música, linguaxe, química, inglés, esas cousiñas que antes se aprendían nas escolas. E que vacinaban ao país contra a furia dos idiotas.

Comentarios