miércoles. 18.05.2022 |
El tiempo
miércoles. 18.05.2022
El tiempo

"Galicia docemente...

"ESTÁ OLLANDO o mar: / ten vales e montañas / e terras pra labrar!". Versos omnipresentes estes días en xornais e televisión. Tamén na radio, coa magnífica iniciativa de Tania Lombao e Paco Nieto en Radio Lugo, ‘O son da nosa fala’. Desta volta poñendo voces limpas e novas aos versos de Manuel María. 

Versos do poeta para unha Galicia que esmorece. Vales, montañas e terras labradías están a ser ocupadas polo eucalipto. Eucaliptización de Galicia, di o profesor A. Rigueiro. Ou de como o E. globulus coloniza cada ano unha franxa máis ancha na costa. Ou de como o E. nitens, máis resistente ao frío, á altura e ao gurgullo medra imparable na Galicia interior, na Chaira do poeta, expulsando especies autóctonas. 

Quedan poucas voces inmorrentes de nenos e non canta na cha ninguén. Nin sequera o carro canta: éche un xubilado máis no pendello, ou descansa nos museos etnográficos. As chairas, os vales, as montañas baléiranse de presenza humana. Desadórnanse de xente, dicía o vello a Manolo Rivas que admiraba as paisaxes do paraíso. 

Ninguén debería culpar aos labregos por medidas desesperadas nun rural sen xente. Se non hai brazos para termar da terra, a mala solución é eucaliptar Galicia, denudala de carballos, bidos, froiteiras, castiñeiros. No curto e voraz ciclo do eucalipto, cando cheguen as cortas destes anos de sementeiras masivas os prezos caerán nun mercado que demanda un millón de metros cúbicos ano e lle ofrecen catro. 

Que carros, que aradiño de pau, que vacas podería cantar hoxe Manuel María. Como lería as noticias no país verde de herba de granxas onde as vacas, animal totémico de Galicia e nai nutricia do rural, morren de fame. As pradarías de herba foron ocupadas por eucaliptos. O penso para o gando éche unha delicatessen que o prezo delincuente do leite non pode pagar: baixa para quen traballa e moxe, medra nos supermercados. 

Mentres os que humanizan o rural ven que o seu traballo non terma das familias, non da para vivir, para alimentar ao gando. En Galicia non hai sitio dabondo para as vacas, ese animal culpable agora de producir leite, según Bruselas. 

O poeta achégase unha vez máis a Penas de Rodas, onde tantas veces subira para deitar a ollada pola chaira ata a Corda de Abadín. Pobos, aves ventureiras no ceo de chumbo, soidade. Soña co alcatrán agochado nunha pena, ouro na irmá. Hoxe Manuel María non podería ollar a Chaira: barrotes de eucaliptos encarceraron as paisaxes. Penas de Rodas éche un burato negro que borrou o horizonte, aldeas e camiños, a liña das montañas. 

A eucaliptización de Galicia roubou as cores da terra tinguindo as paisaxes cunha cor verde grisenta. E cambiou a dozura da terra pola monotonía colonizadora da árbore que frei Rosendo Salvado trouxo dos antípodas".

"Galicia docemente...
Comentarios