Opinión

García Márquez en Haití

ARRIBA NO porto da Coruña o megaiate dun oligarca ruso, unha indecencia de 260 millóns de euros: hai hospitais públicos que custan menos. Cociñeiros de sona crean menús elitistas para carteiras excesivas. En Qatar, un exército de escravos constrúe estadios para lexionarios do fútbol e masas domesticadas co panem et circenses. Velaí a néboa que oculta o que pasou, o que pasa, o que volverá pasar en sitios como Haití.

Contan os satélites que desde o ceo vese nidia a fronteira entre Haití e República Dominicana: unha inquietante bandeira visual, ocre nun lado e verde no outro. A masiva deforestación contribúe á vulnerabilidade do pequeno país sen petróleo, electrecidade ou carbón. Cociña coa madeira cada día máis escasa. Sen cuberta vexetal, as chuvias provocan inundacións e cando chega puntual o furacán noso de cada temporada, arrasa vidas e casas.

A néboa mediática impide ver que máis da metade dos haitianos vive hacinada en barrios de chabolas indefensos ante unha epidemia de cólera, ante o furacán Matthew, ante un terremoto. Os deuses son así de sombríos. Seis anos despois do gran terremoto de 2010 que matou a un cuarto de millón de persoas, o país asolagado de cascallos soportou unha epidemia de cólera.

A ruta dos furacáns pasa por Haití, Cuba, Xamaica, chovendo sobre mollado: inundacións, destrución de casas, perda de colleitas, pobos costeiros devorados polo mar, pontes e infraestruturas desfeitas. Desgrazas na casa dos pobres. Porque os furacáns, tamén Matthew, chegan ás costas USA con tempo e oportunidade de evacuar millóns de persoas. En Haití a xente non quixo abandoar o pouco que tiña, casiñas demasiado febles para soportar un furacán de categoría 5.

Haití, no posto 163 no Índice de Desenvolvemento Humano, é o máis pobre de América Latina, un país fallido dependente da axuda internacional. A súa fraxilidade non pode facer fronte a dexastres naturais e políticos. A inestabilidade e a corrupción galopante contribúen desde sempre a debilitalo. Paradigma do mito de Sísifo: volta a empezar despois de cada furacán, despois da cada ditador, despois de cada terremoto. Ademais éche un país negro, é dicir invisible para a comunidade internacional.

O furacán Matthew é outro deus sombrío. Centenares de mortos, miles de desprazados, unha paisaxe de devastación. Nin os que tratan in situ de axudar teñen completa a imaxe da catástrofe. Só queda pensar no día de hoxe. Que auga beberá a xente ou se poderá comer mañá. No lado temperado do mapa xa sae do porto da Coruña o megaiate cargado de oligarca. En Qatar un exército de vermes humanos segue a construír estadios obscenos. Onde non hai fame medran os masterchefs. E se a merda tivera algún valor, os haitianos nacerían sen cu, escribíu máis ou menos García Márquez.

Comentarios