Opinión

Un himno de alegría e fraternidade

Foi por estas datas, á altura do pasado decembro de hai dous séculos e medio, cando nos chegou o agasallo de Beethoven, patrimonio da mellor humanidade. Dono da música que había de iluminar Europa que se debatía entre escuridade e esperanza. O compositor que había de revolucionar a historia da música morreu con 56 anos. Máis novo foise outro xenio da mesma época, Mozart, que na película Amadeus semella un babeco tocado polo dedo dos deuses, na realidade un stakhanovista da música cunha obra inmensa.

Como inmensa é a de Beethoven, perseguido pola inxustiza da xordeira, o maior castigo para un compositor. A súa música xigante pertence a todos: éche a globalización da beleza. A Oda á Alegría da 9ª Sinfonía será o himno oficial doutra fermosa fraternidade e a mellor creación política despois da ‘monstruosa fábrica de cadáveres’ do século XX: a Unión Europea.

A súa música foi utilizada para os cumpreanos do Pintor de Brocha Gorda que sementou de cascallos, morte e ignominia Alemaña e Europa. Tamén está a ser secuestrada pola extrema dereita para mítins de odio na Francia desencantada. Pero sobre todo, a música do noso Beethoven servíu para unir a casa europea derrubando coas notas da Novena, baixo a batuta de Leonard Bernstein, o Telón de Aceiro. En Berlín, o nove de novembro de 1989. Pouco antes, en 1985, o Himno de Alegría foi elexido como o himno da UE.

Esa unión política que, antes que a Estados e a mercadores, une a pobos e persoas. E que nacionalismos xenófobos, ultramontanos e insolidarios tentan torpedear desde dentro. Desde fóra asistimos aos intentos de demolición daquel excesivo Trump, e agora do zar de todas as Rusias, Putin. Os de dentro e os de fóra son os antípodas e antónimos da tríada sagrada dos ideais da vella, culta e luminosa Europa: a liberdade, a paz e a solidariedade. Evocan o arrecendo dos valores que abriron  as portas ao mundo moderno: liberté égalité, fraternité.

A música de Ludwig van Beethoven éche a mellor banda sonora do pequeno continente, xigante das liberdades, os dereitos humanos e os valores democráticos. Éche a música da casa Terra, fogar compartido e non compartimentado dos seres humanos. Faro de luz para os que arriban ás súas praias tentando fuxir da tiranía de infernos políticos, das desfeitas do planeta e da crueldade de credos medievais.

A música de Beethoven éche a mellor vacina contra a fealdade e a suciedade dos que sementan odio, división, mentiras e opresión entre os seres humanos. O poderoso hálito de alegría da Novena Sinfonía non soporta muros nin Telóns de Aceiro. "Todos beben de alegría no seo da natureza. Bos e malos seguen o seu camiño de rosas. Todos os homes e mulleres volven a ser hermanos alí onde a alegría repousa…". Canta o himno de fraternidade universal.

Comentarios