Opinión

Ignorancia e cambio climático

AQUÍ PREOCUPA o envellecemento, o colapso demográfico. A nivel global, o crecemento demográfico explosivo en zonas invivibles do planeta provoca éxodos bíblicos.

Os humanos xa superan en número a calquera forma de vida mamífera. Nun gráfico no libro Homo Deus de Yuval Harari, a biomasa dos animais salvaxes pesa 100 millóns de toneladas, os domesticados 700 e os humanos 300. Con estes números non dubida en chamar Antropoceno a esta etapa do planeta. Somos 6.700 millóns de seres humanos. 9.000 millóns en 2050. Se a nosa presión sobre os ecosistemas hoxe é excesiva, ninguén sabe como será en poucas décadas se seguimos utilizando un sistema industrial alleo á sostenibilidade, efémero, depredador e que non se rexenera.

Hai xente para a esperanza, como a australiana Leyla Acaroglu, voz potente contra o cambio climático. A Onu otorgoulle en 2016 o título Campiona da Terra 2016. Con voces e accións como a de Leyla as cores do futuro aparecen tinguidas coas deste planeta único: verde da vida, azul da auga.

O ser humano ten unha incidencia xigante sobre a natureza pero tamén é quen de modificar as sociedades nas que vivimos. O sistema que temos creado convértenos en deuses dunha creación con data de caducidade porque está desconectado coa natureza: extrae recursos naturais e fabrica cousas que terminan no lixo.

Outra vez cómpre reividicar accións locais e pensamento global. Pequenos xestos con repercusións globais. Como reducir o consumo de carne: o 20% das emisións contaminantes veñen da gandería. Ou reivindicar auga potable na billa: a que máis contamina é a embotellada. Elexir unha forma de vida, soster unha empresa ou un goberno pode ser un acto de irreponsabilidade, e apostar polo planeta, un de rebeldía contra a domesticación a que nos someten poderosos intereses económicos. Capaces de todo, tamén podemos caer na irrelevancia. A utopía fortalécese colaborando con outros e denunciando o egoísmo dos que vivindo ben tentan vivir mellor, como as opulentas sociedades occidentais.

A loita ecolóxica é tamén unha loita contra a ignorancia. O presidente Trump, un tipo perigoso porque non sabe que non sabe, vén de firmar a saída de EE.UU. do Acordo de París sobre o cambio climático. Según Krugman, está a poñer en risco o futuro do planeta para seguir dicindo mentiras políticamente rendibles. As súas políticas medioambientais e o negacionismo do cambio climático son un paso atrás catastrófico e terán consecuencias devastadoras a curto prazo para millóns de seres humanos en países vulnerables.

Tamén é certo que a práctica totalidade dos países, e xente como Leyla Acaroglu, loitan polo planeta e contra a ignorancia, arma de destrucción masiva do clima, a ecoloxía e o futuro da familia humana.

Comentarios