Opinión

Imagine: 1971, 2022

Imaxina que non hai países. Nada polo que morrer. Sen necesidade de cobiza. Imaxina a xente vivindo en paz…’. Versos na canción. Himno a favor da paz, da mellor humanidade en tempos escuros. Cunha guerra brutal e desapiadada na retina. Onde propaganda e mentiras ocultan a verdade: a cobiza do imperialismo.

Por iso, desde a música e os versos de Imagine, o clamor por un mundo fraterno e solidario. Cousas dun visionario. Universalidade fronte fronte a nacionalismos autoritarios. En Hungría Viktor Orbán, amigo de Putin, vén de gañar as eleccións coas cartas marcadas.

Desde Imagine emerxe a vontade dun mundo en paz. Boa veciñanza e non matóns que impoñen áreas de influencia no planeta da familia humana. Con relixións pero non guerras de relixión onde o meu deus é máis grande que o teu. Cousas de fanáticos.

Lennon ou a paixón pola utopía: imaxina que non hai máis país, máis relixión, máis política contra o outro, máis agresión rusa contra a casa ucrania. Senón a sagrada tríada da liberdade, igualdade, fraternidade. Onde os países crean unha gobernanza para as urxencias do planeta. E tentan eliminar a cobiza, nai de todas as guerras. E a fame, agresión cotiá contra o bandullo da xente.

Imaxina que Imagine éche un himno masculino con John Lennon, e poderosamente feminino con Yoko Ono, coautora.

Imaxina que estás en silencio. Obrigado a pensar. Escoitando diferentes versións deste poderoso himno de fraternidade. Desde a Royal Philharmonic Orchestra ata Mark Knofler. Desde a poderosa voz negra de Sarah Vaughn á poderosa voz branca de Joan Baez. Agarrados aos versos, á música, ao silencio para que o ruído informativo e bélico non nos colonice. Xusto cando a estamos a perder a capacidade de escoita. Atordados por muecines da furia, do odio, das présas.

Imaxine. Gozar, escoitar, reflexionar contra os que nos degradan á pasividade de oíntes e consumidores nas súas batallas do poder, da información, do negocio da publicidade.

Imaxina un mundo cordial, educado, silencioso. Sen a presión dos likes e fake news, dos zascas de rancor.

Con cerebros pensantes reflexionando sen a atroz presión de robots, trolls, bots que envelenan cada minuto do día. Redes sociais collidas das mans tendidas onde os ratiños se rebelan contra os flautistas de Hamelin dos extremismos.

Imaxina que non hai guerra de información e propaganda mentireira senón un discurso intelixente. Onde a democracia é máis forte, tamén máis lenta que os algoritmos. 

Imaxina que Putin desaparece da paisaxe política. Que Mariúpol, Bucha, Járkov, Kiev, o Donbás son escenarios de cartón pedra. Que os mortos son figurantes dunha mala película bélica. Que os ucraínos abren os ollos despois do pesadelo para seguir o dourado movemento dos xirasoles.

Imaxina Imagine en 1971. En 2022.

Comentarios