Opinión

O inferno non se ve co fume

Como non chove, e ferve a calor, e ventea con todos os ventos, os demos de garda aproveitan para avivar as ascuas do inferno. Todo é posible na Terra domeñada pola única especie humana. Tanto, que protagoniza unha nova etapa nas idades do planeta: o Antropoceno.

Noticias destes días: malas noticias. No inferno de Siberia o fume ocupa un área similar á UE. Na megalópolis de Sao Paulo, miles de incendios devastan a Amazonía: o mediodía é medianoite. Hai 10.000 focos activos en Congo e Angola, pero África non se ve. Na illa de Gran Canaria fóronse en lume 12.000 hectáreas e os demos aínda sopran nos rescaldos. Só foi controlado cando o caprichoso Eolo decidiu cambiar o rumbo dos ventos. 10.000 persoas evacuadas. Os titulares non falan da imposible evacuación de fungos e bacterias que entretecen os fíos da vida. Nin dos esmorecentes insectos, as especies endémicas, o heroico pino canario.

A Amazonía éche un pulmón do planeta. Tamén é mala sorte que a súa sorte estea nas mans dun tipo perigoso por indocumentado: Bolsonaro, retador con Europa e de xeonllos diante de Trump, contumaz negador da crise climática que xa se estuda en primaria.

As imaxes do satélite contan 73.000 incendios entre xaneiro e agosto, un 83% máis que no ano anterior. Foi chegar ao poder este militar chusqueiro e abrir a veda para facendados fogueteiros de Pará co seu Día do Lume: árbores por soia, selva por pastos, biodiversidade por vacas para alimentar o insaciable bandullo carnívoro do Pantagruel USA, da Gargantúa UE. A única mensaxe que entenden os parvos é non comprar aos deforestadores carne empapada de pesticidas. Son tantos os lumes que devoran a Amazonía, agora mesmo 80.000, que ata para o satélite NOAA-20 o día volveuse noite. Noite de loito para 7,5 millóns de quilómetros cadrados. Neste paraíso ecolóxico ameazado a vida éche unha explosión cotiá para 30.000 especies de plantas, 2,5 millóns de especies de insectos e miles máis de vertebrados.

Siberia, outro pulmón imprescindible, éche unha fogueira onden danzan demos do lume. A taiga libera millóns de toneladas de carbono realimentando o círculo infernal do planeta enfermo. O CO2 emitido é o mesmo que vomitan cada ano 36 millóns de coches.

Greta Thunberg, a rapaza sueca de 16 anos agranda a súa figura tentando que os adultos se percaten da emerxencia climática. Con pouco éxito con tipos tan obtusos e perigosos como Trump, Putin, Bolsonaro. A nosa casa está en chamas, di. Pero non escoitan a mensaxe facendados criminais que queiman a Amazonía, ou os diaños domésticos que xogan co lume en Canarias, e todos os demos do inferno soltos no Ártico e en Siberia.

O planeta azul da auga e verde da vida tínguese de negro. O día é noite. E o fume non deixa ver o inferno no que estamos a converter a Terra.

Comentarios