Miércoles. 14.11.2018 |
El tiempo
Miércoles. 14.11.2018
El tiempo

Infinitamente grande, asombrosamente pequeno

 

COMO FUNCIONA a vida? A pregunta ten catro palabras, as respostas enchen miles de libros. Un deles, Las leyes del Serengeti do científico Sean B. Carroll.

O milagre da vida abrangue o infinitamente grande e o asombrosamente pequeno, as interaccións no xigantesco ecosistema do parque de Serengeti ou as células e órganos do corpo humano.

Cambian as escalas pero as leis que regulan a vida funcionan do mesmo xeito nun E. coli ou nun elefante. O corpo e o planeta, órganos e ecosistemas, especies e moléculas, velaí unha urdida onde a vida busca e atopa respostas.

A vida, a enfermidade, a saúde, a morte teñen as súas leis. Os biólogos tentan teimudamente coñecer o nome das pezas, as súas relacións e movementos. Esas regras de xogo son as leis da natureza e as da bioloxía: gobernan a nosa saúde e a saúde do planeta.

Xusto a carón do Serengeti, en masái chairas infinitas, atópase a garganta de Olduvai, o fogar onde os primeiros ósos humanos xa son de pedra. A ditadura dunha bioloxía cargada de milenios, epidemias e fames rematou. Agora tomamos o control freando as enfermidades e multiplicando a produción de alimentos. Nun século pasamos de dous mil a sete mil millóns de seres humanos. E a un espectacular aumento en cantidade e e calidade de vida.

Coñecemos o xenoma e as leis que regulan a vida. Pero o paradoxo é que non avanzamos á mesma velocidade para coñecer e reparar os ecosistemas enfermos. Non podemos seguir ignorando como funciona a vida a maior escala, alleos aos berros de socorro dun planeta enfermo e unha ecoloxía degradada.

Hai regras e leis que regulan o número de moléculas, células do corpo e o seu crecemento, e hai leis e regras ecolóxicas que controlan o número e tipos de animais e plantas que conviven nunha zona, e alertan do que ocorre cando unha especie desaparece.

Os esforzos en medicina non se corresponden cos realizados en ecoloxía. Miramos con lupa os efectos secundarios dun medicamento pero apenas nos preocupan os efectos secundarios de alterar as poboacións de especies, ecosistemas, os hábitats, ou as consecuencias de disparar a poboación humana. Sería inútil o esforzo investigador para facer fronte a ameazas moleculares e microscópicas mentres a vida escapa e se degrada nos grandes espazos.

Non é posible falar de saúde humana nuns ecosistemas enfermos. A pegada ecolóxica da humanidade é excesiva para o planeta: consumimos máis do que a natureza pode producir ou rexenerar. Controlamos a bioloxía pero non a nós mesmos. A vida éche unha construción laboriosa, un agasallo. E ao final, a lóxica da vida consiste en convivir en harmonía, e non que unha especie, a nosa, viva mellor. Velaí o milagre da vida: asombrosamente grande, infinitamente pequena.

Infinitamente grande, asombrosamente pequeno
Comentarios